parlamento galego

BNG pide a comparencia de Ethel Vázquez trala sentenza contra Monbus e ALSA por repartirse as liñas da Xunta

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos afirma que a sentenza constata a “conivencia” e “trato de favor” da Xunta, da conselleira e do PP con empresas amigas para beneficiarse dos servizos públicos

O grupo parlamentar do BNG solicita a comparecencia da Conselleira Ethel Vázquez ante a confirmación do reparto ilegal do mercado entre Alsa e Monbus e acusa á Xunta de “conivencia e trato de favor” ás empresas beneficiarias do transporte público.

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos, lembra que  o pasado marzo, o TSXG, facía pública unha sentenza obrigando á Comisión Galega da Competencia a incoar expediente sancionador contra as empresas Alsa e Monbus por concorrer en UTE aos contratos da Xunta de Galiza “sen xustificación e con intención de repartirse o mercado”.

Esta sentenza, indica o nacionalista,  chegou despois dunha denuncia interposta polo sector ante a negativa da Comisión Galega da Competencia (CGC) a investigar este caso, que segundo o propio  auto do TSXG, “nin sequera iniciou os procedementos de investigación”.

A Xunta de Galiza, así como tamén as empresas Alsa e Monbus, presentaron un recurso de casación ante o Tribunal Supremo, desbotando as acusacións do TSXG e o bo proceder da CGC e da Xunta de Galiza. “Este recurso foi desestimado pola Tribunal Supremo, dando pois firmeza o fallo do TSXG”.

Paulo Rios recalca que a sentenza firme do Tribunal Supremo confirma a “conivencia e trato de favor” da Xunta, a  conselleira e o Partido popular “ás empresas amigas” con servizos públicos para enriquecerse.

 

 

 

 

 

O deputado denunciou o uso  do Partido Popular da Comisión Galega da Competencia como parapeto ante as reiteradas  denuncias contra  as empresas amigas. “Precisamos un transporte público pensado e destinado por e para o pobo galego e que cumpra co interese xeral e non ao particular dunhas poucas empresas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG