O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Paulo Ríos, interpelou, nunha intervención dura no pleno do Parlamento, o conselleiro de Sanidade sobre as previsións da Xunta respecto á recuperación do servizo de urxencias sanitarias de Moaña, coincidindo coa inminente apertura do novo centro de saúde da localidade.
Ríos lembrou que a veciñanza de Moaña leva 240 semanas de loita continuada pola volta do Punto de Atención Continuada, e puxo en valor a mobilización masiva do pasado domingo, con máis de 3.000 persoas nas rúas, que supuxo "unha nova lección de dignidade". Esta resposta cidadá demostra que as explicacións da Xunta "non convencen a ninguén" e que a poboación "quere o seu PAC de volta e o quere xa" salientou.
O deputado do BNG foi contundente ao exixir ao Conselleiro de Sanidade que "dimitia" por mentir, por intentar enganar á cidadanía e por tomar decisións políticas que, ao seu xuízo, converten ao Goberno de Rueda "nun verdadeiro perigo para a saúde dos galegos e das galegas". Ríos acusou a Xunta de acumular "anos de mentiras e excusas" para non devolver un servizo que teñen "secuestrado en Cangas", nun PAC que non está dimensionado para atender a poboación dos dous concellos nin ao incremento estival de visitantes.
O deputado censurou especialmente os "intentos de confundir" á xente coa apertura do novo centro de saúde, e cualificou como "incompetente" ao conselleiro ao equiparar unha ambulancia cun PAC. "Se vostede pensa que unha ambulancia é un PAC, debe dimitir tamén por incompetente", sentenciou Ríos, quen advertiu ademais que a Xunta está a incumprir o convenio asinado co Concello de Moaña, que garantía que a nova infraestrutura abriría cun punto de atención continuada.
"Xa non caben máis excusas, conselleiro, xa se lle acabaron as mentiras e os enganos; é o momento de respectar á veciñanza de Moaña", afirmou o deputado, que rematou a súa intervención cun ultimato: se hoxe o responsable sanitario non pon "día e hora" para a devolución do PAC ao novo centro, "só lle queda dimitir e deixar de ser un perigo para a saúde dos galegos e das galegas".