congreso

BNG exixe ao Goberno participar na investigación e control dos bidóns radioactivos da Foxa Atlántica

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego Candamil denuncia a pasividade do Goberno do Estado mentres que Francia lidera a misión científica que está a inspeccionar os residuos radioactivos

O BNG reclama ao Goberno do Estado abandonar a súa actitude pasiva e implicarse de maneira activa na investigación –liderada polo estado galo- do estado dos bidóns con material radioactivo depositados na Foxa Atlántica, situadas entre 400 e 700 quilómetros da costa galega. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama tamén a elaboración dun plan para, de ser seguro, proceder á retirada dos bidóns radioactivos.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, critica que "mentres Francia está a liderar unha investigación científica de referencia internacional para coñecer o estado real dos bidóns radioactivos e o nivel de contaminación, o Goberno español continúa instalado na inacción e renuncia mesmo a participar nunha misión que afecta directamente ás augas da Galiza".

A primeira fase do denominado Proxecto Nodssum permitiu localizar e cartografar máis dun millar de bidóns radioactivos depositados no fondo mariño hai décadas por diversos Estados europeos, entre eles Reino Unido, Francia, Bélxica, os Países Baixos, Suecia, Alemaña, Suíza e Italia. Neste ano, a misión francesa desenvolve unha segunda fase na que se realizarán observacións directas dos residuos para avaliar o seu estado de conservación e os seus potenciais impactos ambientais.

Para o deputado nacionalista, "resulta incomprensíbel que o Estado español permaneza completamente á marxe dunha investigación desta relevancia, cando os posíbeis efectos destes vertidos afectarán directamente ao ecosistema mariño galego e aos sectores que dependen del".

O Goberno descarta actuar sobre os bidóns: urxe rectificar

O deputado do BNG lembra que na última resposta remitida ás iniciativas parlamentarias da organización, o Goberno recoñece que non contempla a retirada dos bidóns e limita a súa actuación á realización de análises radiolóxicas nas augas costeiras, sen efectuar controis na propia zona dos vertidos nin prever expedicións científicas específicas para inspeccionar o estado dos residuos. Porén, é preciso coñecer o estado real da situación para poder planificar as futuras actuacións, incluída a retirada de ser esta segura, para eliminar de forma definitiva a fonte de contaminación.

Ademais, Néstor Rego denuncia que o executivo tamén descarta participar na misión francesa ou impulsar unha iniciativa semellante, así como promover no ámbito da Unión Europea unha actuación conxunta para investigar ou abordar a eliminación destes residuos.

"Non chega con medir a radioactividade e detectar cando as correntes poidan trasladar calquera posíbel contaminación até a costa. O lóxico é coñecer directamente cal é o estado dos bidóns, avaliar os riscos e actuar antes de que exista un problema ambiental de maior dimensión" sinala Rego.

Investigación propia e cooperación internacional

Ante esta situación, o BNG reclama ao Goberno que estabeleza contactos coas autoridades francesas para coñecer os resultados obtidos na misión científica e que abra vías de colaboración co CNRS e cos equipos investigadores que participan no proxecto.

Así mesmo, Néstor Rego demanda que organismos públicos como o CSIC ou o Consello de Seguranza Nuclear impulsen unha investigación propia que permita realizar un seguimento periódico da situación dos bidóns radioactivos depositados na Foxa Atlántica e elaborar unha estratexia para garantir a súa seguranza.

Do mesmo xeito, insta o executivo a promover, tanto de maneira bilateral como no marco da Unión Europea e dos organismos internacionais competentes, un plan para abordar a retirada ou eliminación destes residuos radioactivos.

"O principio de precaución debe guiar a actuación das administracións públicas. Non é aceptábel mirar para outro lado mentres outros estados investigan un problema ambiental que pode afectar de forma directa á Galiza. O Goberno ten a obriga de actuar, colaborar coa comunidade científica e impulsar unha resposta internacional á altura da gravidade desta situación" conclúe Néstor Rego.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG