O Bloque Nacionalista Galego presentou este xoves a súa campaña institucional e social con motivo do Día da Patria Galega, que se celebrará o vindeiro 25 de xullo. A secretaria de organización, Lucía López, e o responsable de comunicación, Xavier Campos, detallaron as liñas mestras dunha programación que se desenvolverá ao longo de todo o país co obxectivo de "encher as rúas de Compostela" e facer "visible que Galiza é unha nación que quere decidir o seu propio futuro".
López explicou que a cita central será a manifestación nacional que, como cada ano, partirá ás 12:00 horas da Alameda compostelá ata rematar na Praza da Quintana, onde terá lugar un acto político coas intervencións do secretario xeral de Galiza Nova, Artai Gabiás, e da portavoz nacional, Ana Pontón. A dirixente nacionalista fixo fincapé na aposta do BNG por unha campaña "inclusiva e aberta", e avanzou que se habilitarán autobuses desde as distintas comarcas para garantir a asistencia, con especial atención á mocidade e ás persoas con dificultades económicas, porque "non queremos que ninguén deixe de vir por motivos económicos ou de transporte".
Ademais da xornada do 25, a campaña incluirá máis dun cento de actos en formatos diversos polas comarcas galegas ata esa data. López fixo un chamamento expreso a "encher as xanelas e os espazos públicos coa bandeira da patria" entre o 13 e o 25 de xullo, como un "xeito sinxelo e poderoso de expresar o orgullo de ser galegas e galegos". Neste sentido, enmarcou a celebración nun contexto social e político complexo, marcado pola precariedade, a perda de poboación e o que definiu como "agresión contra o territorio" por parte do Partido Popular, citando o "espolio eólico", a mina de Touro ou o proxecto da macrocelulosa de Altri. "Galiza necesita capacidade para decidir sobre os seus recursos e aplicar políticas pensadas desde aquí", subliñou, para rematar facendo unha defensa firme do internacionalismo e da paz fronte ao "xenocidio do pobo palestino".
Pola súa parte, Xavier Campos puxo en valor a imaxe da campaña, deseñada pola ilustradora e muralista Xoana Almar, na que destacan elementos como a pomba da paz, a estrela vermella ou dúas mulleres entrelazando as súas mans como símbolo de sororidade. O responsable de comunicación do BNG insistiu en que o lema deste ano —"Somos unha nación, soberanía e dereitos nun mundo en paz"— é unha resposta á "onda reaccionaria e españolista" e ao "belicismo internacional". "Queremos tender a man a todos os galegos e galegas, independentemente de como vivan ou sintan o país, porque o nacionalismo é unha proposta de futuro para unha Galiza viva, forte e xusta", afirmou. Campos concluíu que o BNG "non dará ningún paso atrás" na defensa dos dereitos nacionais e sociais, e recordou que o partido está a elaborar unhas bases para un novo estatus político que se farán públicas a finais de ano, para "afondar no autogoberno" e "superar o marco actual".