A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Escarlata Pampín como candidata do BNG á Alcaldía de Ames nas eleccións municipais de maio de 2027, convencida de que a alternativa para que o concello avance é un goberno liderado polo Bloque con Pampín como alcaldesa.
“Imos a por todas nas próximas eleccións municipais, con humildade, pero con todas as ganas de que Ames avance e que sexa o concello que podería ser”, proclamou Pontón, quen remarcou que o municipio necesita “abrir un tempo novo” para recuperar o impulso perdido dun pasado no que o BNG era “o auténtico motor de goberno”.
Ames precisa recuperar ese impulso, un desexo que moitos veciños e veciñas comparte, alegou, por iso, mostrouse convencida de que o Bloque “terá un apoio reforzado nas próximas eleccións municipais de maio de 2027”. “Imos a por todas para ter por primeira vez unha alcaldesa do BNG en Ames”, incidiu.
Para conseguilo, alegou, a formación nacionalista presenta “unha gran candidata”, da que destacou a súa capacidade e a súa experiencia para “facer de Ames un concello de referencia, un concello que avance con decisión cara o futuro”.
Ademais da solvencia de Pampín, o Bloque ofrece o seu modelo municipal de éxito, que “mellora a vida da xente, que funciona e que transforma en positivo”, como demostra alí onde goberna, alegou a portavoz nacional, desde o convencemento de que o BNG vai conseguir “un apoio maioritario” nos comicios locais de 2027.
Con este obxectivo presenta un proxecto que “pon as persoas no centro” como xa demostrou a formación nacionalista cando gobernou o concello, con medidas que aportaban benestar e calidade de vida, convertendo Ames nun referente de atención á infancia, exemplificou.
Nesta liña, subliñou que o Bloque “pon os problemas reais en primeiro plano”, os que afectan ao cada día da veciñanza como a mobilidade, á que sinalou como un dos grandes problemas do concello, dada a cantidade de persoas que se desprazan cada día, en particular cara a Santiago.
Entre eses problemas do día a día, o BNG tamén puxo o foco na defensa da sanidade pública nun Ames que conta con centros de saúde que están entre os que máis lista de espera soportan.
“Nada do que lle preocupa de verdade á veciñanza foi alleo ao traballo político do BNG”, remarcou Pontón, quen apuntou neste sentido a cuestións centrais para a formación nacionalista, como o acceso á vivenda, o apoio ao comercio e ao tecido empresarial locais ou a aposta polo deporte, pola cultura e a lingua propias e por construír un concello feminista, diverso e inclusivo.
“En definitiva, Escarlata Pampín é a alcaldesa capaz de construír un Ames ao servizo das persoas, máis humano, máis sustentable e con oportunidades para todos e todas”, sintetizou. A líder nacionalista tendeu a man a toda a veciñanza para que aposte polo BNG. “Imos estar á altura e estamos aquí coa man tendida con todas as ganas e con toda a ilusión para facer que Ames avance”, comprometeu.
“Sabemos facer ben as cousas, construíndo concellos que son un modelo a seguir, tanto no económico, como no social e no cultural e ese é o modelo municipal do BNG que queremos”, avanzou. “Por iso, imos ir a por todas con ilusión, con humildade, pero coa máxima ambición para darlle a este concello o futuro que merece cunha alcaldesa como Escarlata”, concluíu.
Pola súa parte, Pampín reivindicou o papel desenvolvido polo BNG cando formou parte do goberno de coalición impulsando políticas, medidas e infraestruturas que “sempre sitúan as persoas no centro”, o que, recalcou, “evidencia que cando o BNG goberna, Ames avanza”.
Por iso, apuntou ao Bloque como a única alternativa que “goberna para a maioría social” e que presenta un proxecto que ten como obxectivo mellorar a vida da xente. Neste sentido, apuntou aos desafíos e oportunidades que ten Ames de cara ao futuro entre os que destacou o acceso á vivenda, mellorar a mobilidade, fortalecer os servizos públicos e planificar o crecemento do concello, coidando o territorio e ofrecendo oportunidades para que a xente moza poida desenvolver os seus proxectos de vida.
“Para afrontar estes retos, fai falla un liderado á altura de Ames, un liderado con ideas claras, un liderado con ideas claras, con capacidade de diálogo, con experiencia de goberno e coa valentía necesaria para tomar decisións pensando nos próximos 10 ou 15 anos, e non só mirando para as eleccións municipais”, alegou, para recalcar a continuación que isto é precisamente o que ofrece o BNG.
Nesta liña, apostou por abrir un tempo no que o concello siga medrando, “pero medre ben, de xeito planificado e poñendo as persoas no centro”, un tempo novo no que “o progreso se mida pola calidade de vida da veciñanza” e no que “cada decisión se tome pensando no ben común”, como sabe facer o BNG. “Xa demostramos que sabemos gobernar, agora precisamos de máis forza para liderar, liderar un tempo novo para Ames”, concluíu.