O BNG leva ao Parlamento galego e ao Congreso unha iniciativa para esixir a liberación do preso político saharauí Naama Asfari

Naama Asfari
Naama Asfari
A formación reclama que a Xunta e o Goberno español esixan ante Marrocos a excarcelación inmediata de Asfari, gravemente enfermo tras 36 días de folga de fame, e do resto de presos políticos saharauís

O BNG rexistrou senllas iniciativas no Parlamento de Galiza e no Congreso dos Deputados para instar á Xunta de Galiza e ao Goberno español a esixir a liberación inmediata do preso político saharauí Naama Asfari, membro do Grupo Gdeim Izik, condenado a 30 anos de prisión e encarcerado desde hai 15 anos no cárcere marroquí de Kenitra.

O BNG lembra que o Sáhara Occidental é un territorio pendente de descolonización, ocupado ilegalmente por Marrocos en contra do dereito internacional e das resolucións da ONU, e que o pobo saharauí, a través do Frente Polisario —único representante lexítimo recoñecido internacionalmente—, leva décadas reclamando o seu dereito á autodeterminación.

Neste contexto, a formación denuncia que Naama Asfari foi condenado tras un xuízo sen garantías procesuais, baseado en confesións obtidas baixo tortura, tal e como sinalou o Comité contra a Tortura da ONU. A súa reclusión foi declarada ilegal polo Grupo de Traballo da ONU sobre Detención Arbitraria, no seu ditame n.º 23/2023.

A situación adquiriu especial urxencia despois de que, o pasado 8 de xuño, Asfari iniciase unha folga de fame indefinida para denunciar as condicións penitenciarias que sofre xunto ao resto de presos políticos saharauís. Tras 36 días de folga, o seu estado médico é "extremadamente crítico", agravado polo illamento e pola denegación de asistencia médica por parte das autoridades marroquís.

Ante esta "emerxencia humanitaria", o BNG considera que tanto o Parlamento de Galiza como o Congreso deben pronunciarse e sumarse á campaña internacional "Salvemos a vida de Naama", impulsando accións de denuncia e sensibilización que esixan a súa inmediata liberación.

As propostas do BNG

A iniciativa insta á Xunta de Galiza e ao Goberno español a:

  1. Esixir a inmediata liberación do preso político saharauí Naama Asfari e sumarse á campaña internacional "Salvemos a vida de Naama".
  2. Dirixirse ao Goberno de España para que esixa ante as autoridades marroquís a liberación inmediata e incondicional de Naama Asfari e de todos os presos políticos saharauís, en cumprimento das resolucións da ONU e do ditame do Grupo de Traballo sobre Detención Arbitraria.
  3. Solicitar ao Goberno español que promova ante a ONU a intervención urxente do Relator Especial sobre Tortura nos centros de detención marroquís, así como o acceso humanitario inmediato do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR) e da Oficina do Alto Comisionado da ONU para os Dereitos Humanos (ACNUDH) ao cárcere de Kenitra, co obxectivo de avaliar o estado de saúde de Naama Asfari.
  4. Trasladar ás autoridades marroquís a esixencia de que se lle proporcione atención médica urxente a Naama Asfari e se poña fin ás torturas e ao encarceramento ilegal dos presos políticos saharauís.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG