Pontón denuncia a cacería política do PP contra o alcalde de Muras por poñer os intereses do concello por riba da eléctricas

Ana Pontón
Ana Pontón
“Non nós van calar: O BNG vai seguir defendo o interese de Galiza fronte ao lobby eléctrico por moito que lle moleste a Rueda”, proclama

A portavoz nacional, Ana Pontón, denunciou a “cacería política” do PP contra o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, “simplemente porque lle planta cara ás eléctricas para defender os intereses dos veciños e das veciñas de Muras”.

No acto de presentación da candidata do BNG á Alcaldía de Ames, Escarlata Pampín, a líder nacionalista considerou gravísima a campaña de desprestixio iniciada polo PP e que enmarcou nun contexto de “involución democrática que tamén se deixa sentir en Galiza”.

“Un exemplo témolo na cacería política ordenada por Rueda contra o alcalde do BNG de Muras, simplemente porque lle planta cara ás eléctricas para defender os intereses dos veciños e das veciñas de Muras”, remarcou. Unha posición por parte do rexedor que é o que “o Partido Popular non pode soportar”, incidiu.

“Rueda non soporta que, mentres el como presidente da Xunta se pon do lado das eléctricas, do lado das macrocelulosas contaminantes, o BNG o que fai é poñerse do lado de Galiza, da cidadanía galega e da xente do rural, como está facendo o alcalde de Muras”, recriminou Pontón, quen recalcou que, por esta razón, o PP “inicia unha persecución e un intento de desprestixio contra o BNG e contra o alcalde de Muras”.

A líder nacionalista afirmou que, pese aos seus intentos, os populares “xa non enganan a ninguén” e o único que deixan ao descuberto son “as vergoñas do goberno de Rueda, que pon o lobby eléctrico por diante de Galiza”.

“Muras é o concello que ten mais eólicos do País e, por moito que lle moleste ao Partido Popular, o BNG vai seguir defendendo, en Muras e en todo Galiza, os intereses xerais fronte ás eléctricas”, avanzou.  

“Quero dicirlles que teñan moi claro que non nos van parar nin nos van calar coas súas campañas difamatorias nin con ningunha cacería política, imos seguir plantándolle cara ás eléctricas”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG