Despois de que o Consello de Europa concluíse que o actual sistema español vulnera a Carta Social Europea Revisada, o Bloque Nacionalista Galego volta a exixir ao Goberno do Estado recuperar a indemnización por despedimento improcedente de 45 días por ano traballado. O deputado do BNG reitera a necesidade de derrogar integramente a reforma laboral do PP, sinalando que non garante unha protección adecuada para as persoas traballadoras.
“A normativa española sobre despedimento non cumpre co artigo 24 da Carta Social Europea que estabelece que as indemnizacións deben ser tanto reparadoras, compensando o dano efectivamente sufrido pola persoa traballadora, como disuasorias, evitando que ás empresas lles resulte rendíbel despedir de maneira inxustificada” explica o deputado nacionalista.
Neste sentido, Néstor Rego demanda novamente ao executivo “cumprir coa recomendación do organismo europeo e modificar de inmediato a lexislación laboral para recuperar a indemnización por despedimento improcedente de 45 días por ano traballado, vixente antes da reforma laboral imposta polo Goberno do PP en 2012”. A reforma do PP reduciu a indemnización de 45 a 33 días e a reforma de PSOE e Unidas Podemos non a modificou, consolidando un recorte profundamente regresivo.
Para a organización nacionalista, a resolución do Consello de Europa avala a posición que o BNG –xunto con outras formacións soberanistas e organizacións sindicais como a CIG- vén defendendo desde hai anos: “non só se está incumprindo a Carta Social Europea, senón que se mantén un modelo en que as indemnizacións non cobren o dano causado nin protexen adecuadamente as persoas traballadoras. Hoxe continúa a resultar demasiado barato despedir no Estado español” denuncia Rego.
Néstor Rego insiste en que o Goberno debe asumir esta resolución e impulsar unha modificación da norma, derrogando definitivamente as reformas laborais que recortaron dereitos ás traballadoras e traballadores, e garantir tanto o cumprimento da Carta Social Europea como a recuperación e a conquista de máis dereitos para a clase traballadora.