municipais 2027

Ana Pontón: “Cristina Fernández é a alcaldesa capaz de devolver Ponteareas ao bo camiño cun concello ao servizo das persoas”

Presentación Cristina Fernández
Presentación Cristina Fernández

Reivindica o proxecto do BNG que mellora a vida da xente e xestiona con eficiencia os recursos públicos fronte á propaganda e o malgasto do PP

Fernández aposta por mellorar as infraestruturas básicas, reforzar os servizos públicos e recuperar a participación cidadá: “Ponteareas merece máis”

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no acto de presentación de Cristina Fernández como candidata do BNG á Alcaldía de Ponteareas nas eleccións municipais de maio de 2027, convencida de que nesa cita coas urnas o concello vai recuperar “o bo camiño” da man do Bloque e con Fernández como alcaldesa.

“Cristina Fernández é a alcaldesa que necesita Ponteareas para poder seguir avanzando con forza, para ter un concello ao servizo das persoas, coa man tendida á veciñanza e aportando solucións”, destacou Pontón, quen afirmou que este é o momento de que o municipio volva a ser un lugar con calidade de vida, capacidade de transformación en positivo e onde se poña ás persoas no centro.

A líder nacionalista recordou que Ponteareas “sempre avanzou da man do BNG” e lamentou que agora o concello estea “co freo de man posto”, deixando caer “en saco roto” os proxectos transformadores iniciados polo Bloque no goberno municipal e volvendo para atrás na vez de mirar cara adiante.

“Ponteareas necesita un cambio, necesita volver ao bo camiño e ese bo camiño é o que representa o BNG”, remarcou, para destacar a continuación o liderado, a capacidade, a experiencia e a ambición dunha candidata que “aprendeu do mellor, de Xosé Represas” e que ten ademais “unha folla de ruta para facer do concello un lugar mellor para vivir” e convertelo nun municipio de referencia, “con dinamismo no económico, no social e no cultural”.

Á súa experiencia municipal, Fernández suma agora a súa experiencia como deputada no Parlamento galego, no que foi “a voz de Ponteareas” durante os últimos anos, aportando solucións e alternativas a todos os problemas do concello, subliñou Pontón, quen, xunto a unha candidata sólida e preparada, reivindicou tamén o “modelo de éxito do BNG” na xestión municipal, que mellora a vida da xente e transforma en positivo, como xa demostrou na propia Ponteareas. 

“Por iso, estou convencida de que os veciños e as veciñas de Ponteareas van dar un apoio maioritario a Cristina e ao BNG nas eleccións municipais do próximo ano”, afirmou.

A portavoz nacional explicou que, “fronte ao malgasto e a propaganda do Partido Popular”, Fernández e o BNG ofrecen “un proxecto sólido e de futuro” cun goberno eficaz e competente “que sabe xestionar” con equidade e con transparencia sen malgastar os recursos públicos e que prestará especial atención a aquelas persoas “que máis o necesitan”.

De igual xeito, reafirmou “a defensa a ultranza dos servizos públicos” dun BNG que quere mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza “fronte aos recortes” dun PP que tamén ten abandonadas as parroquias e o rural. Ante esta realidade, ofreceu o proxecto do Bloque para “equilibrar o concello e atender a todas as persoas, vivan onde vivan”.

Un proxecto que tamén está concibido para que a mocidade poida desenvolver os seus proxectos de vida en Ponteareas -xerando riqueza e emprego e atendendo unha das necesidades máis importantes que é “poder acceder a unha vivenda digna”- e para impulsar a cultura, o deporte e a lingua, ademais de apostar por “un concello feminista, aberto e diverso” que trate a todos os veciños e veciñas por igual “sen favoritismos, nin caciquismos”.

Pontón avanzou que tanto Fernández como todo o BNG van traballar arreo para ter o apoio maioritario nos próximos comicios municipais que permitan “recuperar a Alcaldía e, sobre todo, o concello para a xente de Ponteareas”, grazas a un proxecto transformador que impulse os cambios que precisa o municipio, que poña as persoas no centro e que mellore a súa calidade de vida. “Por iso, con toda a ilusión e toda a humildade, imos a por todas nas próximas eleccións municipais”, concluíu.  

Pola súa parte, Cristina Fernández mostrouse honrada de encabezar o proxecto colectivo do Bloque para darlle ao municipio unha alternativa de goberno “seria, solvente e preparada” para construír o concello “desde o diálogo, a participación e a transparencia”.

Neste sentido, fixou como prioridades mellorar as infraestruturas básicas, reforzar os servizos públicos “para que ninguén quede atrás” e recuperar a participación cidadá para que a veciñanza “recupere tamén aquel orgullo de sentirse de Ponteareas”.

“Ponteareas merece máis, merece un goberno que resolva os problemas das persoas e non un goberno instalado na propaganda”, remarcou, para explicar a continuación que, como residente nunha parroquia, sabe de primeira man “o que é estar anos esperando a que unha estrada se arranxe ou anos a que se complete o saneamento”, exemplificou.

O concello, afondou, merece ter unha Administración local que manexe os recursos públicos con responsabilidade e que dea prioridade ás necesidades da veciñanza porque, advertiu, hoxe en día e pese a subir impostos e taxas, aínda ten “moitísimas cuestións importantes” sen resolver. “O problema de Ponteareas non é a falta de recursos, senón a falta de prioridades dun goberno que non escoita á veciñanza”, sintetizou.

A candidata á Alcaldía contrapuxo a actitude do PP a un Bloque que leva meses reuníndose coa veciñanza e con colectivos sociais concretos e percorrendo as parroquias para coñecer de primeira man as súas preocupacións e as súas propostas para “construír un proxecto” que quere sexa realmente colectivo.

“O modelo do BNG demostrou en numerosos concellos que é posible gobernar con rigor, con honestidade, con planificación e sempre pensando nas persoas e ese é o modelo que quero que volva a Ponteareas”, subliñou, logo de remarcar a súa concepción da política como un instrumento para “conseguir mellorar a vida da xente”.

“Ponteareas merece sentir que ten un goberno que está ao seu lado, máis diálogo e menos propaganda, máis servizos públicos e menos propaganda, merece máis respecto polas parroquias e polo rural, máis oportunidades para que ninguén quede atrás e, sobre todo merece que se estea pendente das necesidades de todas as persoas”, enumerou. “Ese é o meu compromiso e o do BNG, devolver a Ponteareas a ambición de ser mellor e de volver a ser un referente”, concluíu. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG