A portavoz nacional, Ana Pontón, apuntou desde Valga a urxencia de poñer freo á eucaliptización de Galiza que promove o Goberno do PP e apostar por un monte “limpo, ordenado e multifuncional” que, ademais de promover o dinamismo do rural, contribúa a combater os lumes.
En declaracións aos medios logo de visitar a empresa Serrerías Rodríguez, Pontón en primeiro lugar trasladar todo o apoio e solidariedade do BNG ás familias das vítimas do incendio de Almería.
“Creo que todos e toda hoxe nos sentimos encollidas, hoxe todos e todas nos sentimos Almería e desde aquí queremos enviar toda a forza, todo o apoio e toda a solidariedade ás familias das vítimas e desexar que, canto antes, se apague este incendio e non teñamos que lamentar máis vidas humanas, que sempre é a peor das traxedias que podemos ter”, manifestou.
A portavoz nacional indicou que lamentablemente traxedias como as de Almería recordan “a importancia que teñen as políticas de prevención” e apostou neste punto por un monte “limpo, ordenado e multifuncional” para combater os lumes que, cada verán, ameazan o territorio galego e chegan a poñer en risco vidas humanas.
“En Galiza temos moitos deberes pendentes nese sentido e o que necesitamos é un goberno que aprenda tamén das traxedias”, remarcou, en alusión aos incendios do pasado verán, os máis importantes deste século no País.
Pontón urxiu “un cambio de rumbo” nas políticas da Xunta para o monte e o medio rural, un xiro de 180 graos que pasa por que “haxa ordenación, planificación e un monte multifuncional” que contrapuxo ao modelo do Executivo de Alfonso Rueda, que ten convertidos os montes galegos nun “polvorín” coa súa aposta “polo monocultivo do eucalipto”.
A planificación axeitada do monte é unha das medida que contribuiría ademais a impulsar o sector dos serradoiros, alegou logo de agradecer á dirección de Serrerías Rodríguez unha visita que lle permitiu coñecer de primeira man un sector tan importante para o País como é o da primeira transformación da madeira.
Un sector, remarcou, cun gran potencial e no que na actualidade hai operativos arredor de 120 serradoiros cun volume de emprego que supera os 7.000 postos de traballo, pero que nestes momentos ten problemas que debe enfrontar. Un deles, advertido ademais polas propias asociacións que os agrupan, é a escaseza de piñeiro, xa que procesan o 95% da súa materia prima a partir desta especie, polo que podería haber problemas de abastecemento no prazo de tan só 15 anos.
Unha cuestión que a líder nacionalista considerou moi relevante, dado que este sector implica o asentamento de poboación no rural e un volume moi importante tanto de negocio como de emprego que “é fundamental apoiar”. “Nos últimos anos vimos como se pechaban moitos serradoiros e, polo tanto, estamos nun momento que é clave para o seu futuro”, recalcou.
Neste contexto, afirmou que o futuro do sector depende precisamente de como se planifique o monte, unha planificación que debe frear unha expansión do eucalipto que supera xa, advertiu, as previsións que tiña o propio Goberno galego para o ano 2030.
“Lamentablemente, o Goberno do PP parece que non quere poñer freo a esa tendencia, senón que continúa con esa política de fomento da eucaliptización de Galiza cando realmente o que necesitamos é apostar por outro modelo”, criticou.
Un modelo que baseou nun monte limpo e multifuncional, con especies resistentes aos lumes, cunha ordenación en mosaico que protexa tanto as plantacións como o propio territorio e no que se aposte polas madeiras de calidade.
A portavoz nacional defendeu a proposta do BNG para desenvolver a cadea de valor monte-madeira, dado que Galiza aglutina o 50% das cortas, pero só o 13% do emprego e o 8% da industria do moble, polo que considerou preciso apostar polas “posibilidades que ten a transformación da madeira” para xerar máis valor engadido no País.
Neste sentido, avanzou que o Bloque levará ao Parlamento galego unha proposta para que a Xunta utilice a madeira como un elemento estrutural na construción. Primeiro, cumprindo o acordo impulsado pola formación nacionalista na Cámara para que o 20% da construción pública, incluída a Vivenda de Promoción Pública (VPP), se faga utilizando madeira como elemento estrutural.
E, en segundo lugar, cunha iniciativa específica para que a Xunta constrúa un primeiro edificio integral de vivenda pública “construído 100% en madeira”, evidenciando así ante a sociedade que hoxe en día é posible construír con este material.
Medidas que permitirían apoia a transformación dun sector que ten un enorme potencial como é o da transformación de madeira, alegou Pontón, quen incidiu en que Galiza non se pode quedar simplemente en cortar moita madeira. “A gran aposta que temos que facer é a da transformación e a das madeiras de calidade para xerar aquí maior valor engadido”, concluíu.