A Eurodeputada do BNG, Ana Miranda, votou en contra de prorrogar durante dos anos até o 2028 o regulamento da Unión Europea coñecido como Chat Control, caducado dende o 4 de abril, e que permitirá aos provedores de servizos nas comunicacións dixitais o seu escaneo e vixilancia, mesmo das fotografías persoais.
A Eurocámara ampliou finalmente estas normas, co voto en contra do grupo parlamentar dos Verdes-Alianza Libre Europea, que grazas a unha emenda propia si protexeu as comunicacións cifradas. Non así o escaneo masivo das comunicacións sen limitación, como “está pretendendo o Partido Popular, a Comisión Europea presidida por Úrsula von der Leyen e unha maioría dos Estados membros no Consello”, advirte Ana Miranda
A recuperación temporal de Chat Control 1.0, rexeitada polo BNG, permitirá que as multinacionais tecnolóxicas escaneen automaticamente as comunicacións dixitais privadas de toda a cidadanía. “Votamos en contra do control das comunicacións porque nos opoñemos totalmente a que haxa unha vixilancia do contido das mensaxes privadas”, explica a eurodeputada do Bloque. “Non queremos unha normativa que permita espiarnos”
Xa en marzo o Parlamento Europeo rexeitara estender a vixencia de Chat Control 1.0 mentres traballaba nun novo regulamento sobre a supervisión das comunicacións electrónicas, coñecido como Chat Contol 2.0, e o negociaba cos Estados Membros, pero, denuncia Ana Miranda, a decisión actual “foi un movemento do PP e fomentada pola presidenta da Eurocámara, Roberta Metsola, para facer unha dobre votación”.
O Partido Popular revive a espionaxe das comunicacións
Chat Control é unha derogación temporal das normas de privacidade electrónica na Unión Europea que permitía o escaneo automático das comunicacións dixitais privadas da cidadanía, mesmo de fotografías persoais, por parte das multinacionais tecnolóxicas. Este regulamento caducara o 4 de abril deste 2026 e o Parlamento Europeo traballa para aprobar novas normas que protexan á infancia no entorno dixital ao tempo que garantan a privacidade persoal.
O Partido Popular Europeo, apoiado por unha maioría de socialdemócratas e liberais, forzou os procedementos da Eurocámara a través da súa presidenta, Roberta Metsola, para introducir un procedemento de urxencia co que recuperou temporalmente estas normas de Chat Control, o que xa fora rexeitado por dúas veces.
O grupo parlamentar do BNG na Eurocámara, Verdes-Alianza Libre Europea, conseguiu que a súa emenda para garantir a protección das comunicacións cifradas fose aprobada por una maioría simple do Pleno, con 322 votos a favor. Entre as eurodeputadas e eurodeputados en contra estiveron os representantes do Partido Popular español e do PSOE.