BNG acusa o PP na Xunta de actuar de comercial da mina de Touro-O Pino e pide dar marcha atrás na declaración como PIE

Saleta Chao
Saleta Chao

Saleta Chao lembra que a súa reactivación supón unha “ameaza directa” para a ría de Arousa, onde xase pode apreciar a sedimentación de cobre

A deputada denuncia que o Goberno de Rueda opte por poñer o beneficio económico curtopracista por diante do futuro ambiental e produtivo do País 

A deputada do BNG Saleta Chao acusou o Goberno do PP na Xunta de actuar como “comercial” da empresa da mina de Touro-O Pino e esixiu, máis unha vez, a paralización da súa declaración como proxecto industrial estratéxico (PIE), unha “manobra –advertiu– que permitiu pisar o acelerador e reactivar de golpe toda a tramitación” e, en consecuencia, a ameaza que supón este proxecto no entorno, con especial afectación na bacía do Ulla e na ría de Arousa.

Na Comisión 6 do Parlamento, a deputada preguntou o director xeral de Planificación Enerxética e Minas, Pablo Fernández Vila, que vai facer a Xunta respecto á sentenza de febreiro deste ano do TSXG que ordena retrotraer as actuacións administrativas ao momento inmediatamente anterior á DIA desfavorable de 2020.

“Con esta sentenza ábrese unha situación anómala na que a Xunta debe retomar a DIA respecto do proxecto de 2027 mentres ten en tramitación un PIE para o mesmo proxecto desde 2024, o que xera unha situación de inseguranza sobre a que a Administración galega debe aclarar que vai facer”, advertiu a deputada da comarca.  

Saleta Chao emprazou ademais o Goberno de Rueda a atender á mobilización de veciñal e de entidades sociais e ambientais que rexeitan “de plano” a reactivación dun proxecto contaminante que, alertou, vai empeorar a situación na que se atopan o río Ulla e a ría de Arousa, “a máis produtiva a nivel marisqueiro do noso Pais, con preto de 4.000 empregos directos e onde xa se pode apreciar a sedimentación por cobre procedente da mina”.

“Fronte ás protestas do sector, a Xunta preferiu mirar cara outro lado e poñer a mina por diante da ría e por diante da xente, poñer o beneficio económico curtopracista por diante do futuro ambiental e produtivo do nos País”, lamentou, para criticar o intento do PP na Xunta de “limitar a participación social negando a condición de interesado a persoas e entidades dos concellos afectados, ao contrario do que establece a lei”. 

No debate da iniciativa parlamentaria, Saleta Chao lembrou ademais o recente informe do Icomos no que se alerta sobre posible afección que a mina vai ter sobre o Camiño de Santiago ao seu paso polos concellos de Touro e O Pino. “O Camiño é o principal produto turístico do noso País e patrimonio da humanidade desde o ano 1993 e o informe do Icomos, é cando menos preocupante para a súa preservación”, advertiu.   

A deputada do BNG advertiu, por outra banda, do consumo dunha grande cantidade de recursos hídricos que implicaría a reactivación da mina, cuestionando así se o proxecto, desde ese punto de vista, é compatible co momento de “emerxencia climática sen precedentes” que estamos a vivir, lembrando que a Xunta xa declarou xa a estas alturas do ano a prealerta por sequía nun bo número de concellos. 

“Os gobernos deberían gobernar para a xente, pero os feitos demostran que vostedes non o fan”, subliñou Chao en alusión á “folla de ruta” que está a seguir o Goberno de Rueda neste e noutros proxectos: “Tirar para adiante pasando por alto a oposición veciñal e de todas as entidades que presentan alegacións contra un proxecto que é unha ameaza polo seu impacto ambiental e económico”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG