BNG exixe á Xunta que fiscalice os 100 millóns de euros públicos que recibe o Hospital Povisa

Montse Prado
Montse Prado

Montse Prado alerta de "listas de espera cirúrxica moito máis elevadas que na sanidade pública" e de "intervencións a arreo" por profesionais que "non coñecen os doentes"

O BNG insta o Goberno galego a apoiar unha auditoría do Consello de Contas e a presentar un plan de reforzo para a sanidade pública ante a "fuga permanente" de 8.000 pacientes de Povisa

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, cargou duramente contra a xestión do Goberno de Rueda sobre o concerto sanitario con Povisa, afirmando que "cantos máis cartos se lles dá, peor é a atención" . Segundo explicou Prado, a Xunta destina ao redor de 100 millóns de euros anuais a este hospital privado, o que supón "máis do 80% do seu orzamento", unha cantidade que medrou un 20% desde 2019 .

A deputada denunciou que esta inxección de recursos non se traduce nunha mellora da asistencia, senón nunha "deterioración marcada e acelerada". Neste sentido, sinalou que Povisa ten unha lista de espera cirúrxica de 2.739 pacientes para atender a unhas 100.000 persoas, o que equivalería a case 14.000 persoas en lista de espera se tivese que atender a toda a área sanitaria, "case 6.000 máis das que ten neste momento a sanidade pública" .

Prado criticou duramente as prácticas asistenciais no hospital, denunciando que se están a realizar "intervencións cirúrxicas a arreo por profesionais que meten un venres nun avión, desde Valencia ou Madrid, traen ata Vigo, van a Povisa e marchan de volta o domingo". Segundo a deputada, estes profesionais interveñen a "doentes que non coñecen, doentes que non trataron, e doentes que logo non van volver a ver", o que xera "moita preocupación sobre a calidade asistencial" e sobre un "volume de reintervención por encima do normal e da media".

A deputada do BNG puxo en cuestión a transparencia do Goberno de Rueda, ao que acusou de manter "opacidades sobre os cartos que van a Povisa" e de negarse a realizar unha auditoría. "Por que se negan a que saibamos cales son as condicións do contrato? Non nos temos que fiar do que diga vostede", espetou ao director xeral, ao tempo que exixiu que se remita ao Parlamento o contrato e se apoie a petición do BNG de que o Consello de Contas fiscalice as contas do hospital .

Finalmente, Prado subliñou que esta situación está a provocar unha "fuga constante e permanente" de pacientes, con máis de 8.000 persoas que solicitaron o cambio á sanidade pública no último período aberto. Ante esta realidade, preguntou ao Goberno galego cal é o seu "plan para atender a esas 8.000 persoas" e por que non se reforza a sanidade pública, que xa está a soportar unha presión extraordinaria no Hospital Álvaro Cunqueiro, con urxencias que atenden "máis de 600 doentes por día" e coa suspensión de quirófanos .

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG