O portavoz de Enerxía do BNG no Parlamento, Xosé Manuel Golpe, reclamou á Xunta que esixa garantías para que a voadura das torres de Endesa nas Pontes non poña en risco as vivendas derredor e a cheminea e, se é preciso, mesmo diga ‘Non’ á operación até que haxa transparencia e seguridade real.
Golpe recordou nunha pregunta parlamentaria que o Goberno do PP autorizou unha resolución de ‘voaduras especiais’ que permite empregar 425 quilos de explosivo xelatinoso para dinamitar simultaneamente as catro torres de refrixeración da central, torres que teñen unha altura de case 100 metros e que están situadas a tan só 160 dalgunha vivenda e a 300 da cheminea sobre a que hai incoado un expediente BIC.
Unha resolución, advertiu, que non considera de maneira explícita nin as condicións ambientais da voadura, nin a protección civil, nin a saúde pública, nin a preservación do patrimonio industrial que di querer recoñecer.
Neste punto tamén reprobou que a voadura fose programada inicialmente para o 16 de xullo, coincidindo co día grande das Festas do Carme, “como se dinamitar as torres no medio das festas fose unha atracción máis do programa”, data que ao final foi retrasada ao 30 de xullo grazas á presión social.
Golpe revelou que os mesmos técnicos que voaron a central de Compostilla explicaron que nas Pontes deberíase acometer a voadura en dúas fases, dous días diferentes, con dous bloques de dúas torres e colocando sismógrafos en vivendas próximas para medir o impacto da primeira voadura antes de autorizar a segunda.
“E que ‘non se pode facer doutra maneira’ pola proximidade das casas e pola necesidade de protexer a estrutura da cheminea”, engadiu, para denunciar a continuación que, sen embargo, o que está previsto é unha única implosión simultánea das catro torres e nunha soa xornada, sen que nin o concello nin a Xunta expliquen que estudos novos xustifican ese cambio radical de criterio.
E o que é máis grave, nin que garantías concretas se teñen por escrito de que nin as vivendas próximas nin a cheminea se verán afectadas nin sufrirán o máis mínimo dano estrutural.
O deputado nacionalista reclamou ao Executivo do PP que faga pública a documentación que dita, “negro sobre branco”, que a afectación prevista sobre a cheminea é cero e que non hai risco de fisura, perda de estabilidade ou danos acumulados.
“Sen certezas, estase a ser cómplice dun posible erro de cálculo que podería deixar a cheminea tocada, aínda que este pode ser o obxectivo, xa que unha cheminea en risco debe ser derrubada e, morto o can, acabouse a rabia”, alertou.
Neste sentido, reprobou que a demolición fose programada antes de contar cun estudo completo e participado de usos alternativos para o conxunto das instalacións, malia que existen propostas en marcha, incluídos traballos académicos e iniciativas desde a Asociación para a defensa do Patrimonio Industrial das Pontes e do propio BNG, para conservar, cando menos, parte das torres e doutros elementos cara a un futuro museo da electricidade e do patrimonio enerxético galego.
Propostas de conservación similares ás acometidas en moitos lugares de Europa con grandes infraestruturas enerxéticas similares á das Pontes. “Parece que aquí a receita é outra, voar polos aires todo vestixio do pasado industrial como se o mellor xeito de pechar unha etapa fose borrar fisicamente a súa pegada”, recriminou, logo de salientar o carácter singular dunha central térmica que ten un valor ademais singular como patrimonio industrial.
Golpe lamentou que a conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, eludise despexar dúbida algunha sobre a voadura e se escudase nunha resolución mineira na que se fala de protocolos de seguridade e que todo se fará ‘conforme á norma’, pero sen presentar nin un só informe público específico de riscos ambientais, saúde pública e protección civil para “unha voadura deste calibre, xusto ao lado dun núcleo habitado e dun lago cun alto valor ecolóxico”.
De igual xeito, afeoulle que tampouco concretara os mecanismos de coordinación efectiva da Xunta co concello e cos servizos de emerxencias nin por que razón se acepta programar a demolición das torres para o 30 de xullo sen agardar a ter pechado un estudo serio de usos alternativos, cando o propio PP apela noutros foros a unha transición xusta, á economía circular e ao respecto polo patrimonio industrial.
Unha posición que demostra, alegou, o “paradoxo” e a “enorme incoherencia” dun Executivo que, por unha banda, reactiva a declaración BIC da cheminea e, por outra, ampara que se voen de vez catro torres que forman parte dese mesmo conxunto industrial, sen garantir que se exploraron todas as opción de reutilización e sen ofrecer á veciñanza a información detalla que merece.
“Pídolle que rectifiquen, que fagan públicos os informes de riscos, que revisen con seriedade o dispositivo previsto para o 30 de xullo e que non avalen a demolición irreversible das torres mentres non haxa unha avaliación integral que inclúa tamén os posibles usos alternativos e a protección efectiva do noso patrimonio industrial”, concluíu.