BNG critica a renuncia do PP na Xunta a negociar co Estado o novo financiamento: “É un disparate que pode saírnos caro”

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas acusa a Rueda de relegar os intereses de Galiza á obediencia partidaria: “Non se sabe onde remata San Caetano e onde comeza Génova”

“É negativo ter unha proposta que empeora o que temos, pero o problema é que a Xunta renuncia directamente a defender os intereses de Galiza”, di 

&nb

A portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas, defendeu no Pleno do Parlamento unha moción para reclamarlle ao Goberno de Rueda que, por unha vez,  “escolla Galiza” e, no que ten que ver co novo modelo de financiamento, sente a negociar de xeito bilateral co Goberno do Estado un sistema máis xusto co País, sen “obediencia partidaria a Génova” e, sobre todo, sen renunciar a ter unha posición propia para defender os intereses das galegas e os galegos. “É un disparate que pode saírnos caro”, advertiu.

Presas comezou a súa intervención para defender a moción lembrando que o propio Alfonso Rueda prometeu na súa sesión de investidura como presidente hai dous anos e tres meses que “Galiza falará con voz propia en asuntos que marcarán o futuro do Estado das autonomías”. Máis unha vez, engadiu, demostrouse que as súas promesas son “papel mollado” porque o que sucede é que Génova manda, Rueda obedece e Galiza perde.

“Vaian onde vaian, non van defender unha posición propia de Galiza, van cumprir co guión que lles mandan desde Génova, estano facendo co financiamento, coa AP9 ou coa quita da débeda” negociada polo Bloque, criticou a deputada nacionalista, que xa na súa primeira intervención quixo deixar claro que que a proposta feita polo Goberno do Estado para unha novo modelo de financiamento tampouco lle gusta ao BNG. 

“É a peor proposta de reforma da historia do Estado español”, sostivo Presas sobre o modelo presentado polo Ministerio, do que, entre outras cuestións, criticou que non recoñece suficientemente a dispersión, non pondera como debe o avellentamento da poboación, introduce máis fondos discrecionais e significa para Galiza perder recursos. 

“É negativo, evidentemente, ter unha proposta que empeora o que xa temos, pero o problema é que a Xunta renuncia directamente a defendernos”, afondou a portavoz nacionalista de Facenda, advertindo que “a ausencia tamén decide” e que “quen renunciar a negociar acepta que outros negocien por el, quen se levanta da mesa acepta que outros repartan, e quen non defende a súa posición, acaba asumindo a posición dos demais”. 

Criticou, neste punto, que o conselleiro de Facenda acudise ao último Consello de Política Fiscal e Financeira como “recadeiro” de Feijóo, pero decidise ausentarse “cando se trataba de poñer a andar a quita da débeda de 4.000 millóns de euros que conseguiu o BNG para Galiza”. 

Presas, que tamén deixou claro que o modelo de financiamento que defende o Bloque é o do concerto económico para que Galiza teña a chave dos seus cartos, esixiu a Rueda que rectifique a súa postura e sente a negociar, insistindo en que até o de agora o único que viron os galegos e as galegas é unha sucesión de renuncias a defender os intereses do País para cumprir co que lle mandan de Madrid, até o punto de que “non se sabe xa onde remata San Caetano e onde comeza a sucursal de Génova”, ironizou.  

“Non impulsaron a reforma do financiamento cando tiveron oportunidade, bloquearon durante anos os traballos na comisión desta Parlamento, levantáronse do Consello de Política Fiscal e Financeira e agora rexeitan acudir ás reunións bilaterais”, denunciou, para advertir ás filas populares que  “defender os intereses do País significa sentarse á mesa, negociar, discutir, esixir e pelexar por eses intereses”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG