O Bloque Nacionalista Galego, a través do seu deputado no Congreso, exixe ao Goberno rectificar a política de comercialización da segunda fase do Polígono Industrial de Morelle, en Sarria. Néstor Rego demanda estabelecer uns prezos do solo industrial atractivos que permitan facer realidade unha ampliación que acumula xa máis de dúas décadas de atrasos e promesas incumpridas.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, considera que "non ten ningún sentido que unha sociedade pública como Casa47 —antigo SEPES— actúe con criterios propios dunha promotora privada, fixando uns prezos que afastan ás empresas e impiden precisamente cumprir o obxectivo para o que foi creada: impulsar o desenvolvemento económico e facilitar a creación de emprego".
Para o deputado nacionalista "o problema nunca foi a falta de demanda de solo industrial en Sarria, senón unha política de prezos equivocada que repele os investimentos e provoca que empresas da comarca acaben trasladándose a outros concellos onde atopan mellores condicións".
Neste sentido, o BNG reclama ao executivo español asumir un compromiso real coa execución da segunda fase do Polígono de Morelle e dea instrucións a Casa47 para revisar á baixa os prezos das parcelas.
"Unha entidade pública non pode ter como prioridade facer caixa cunha infraestrutura estratéxica para unha comarca do interior da Galiza. A súa función debe ser facilitar a implantación de empresas, dinamizar a economía e contribuír á creación de emprego" afirma Rego.
A formación nacionalista lembra que importantes empresas de Sarria dos sectores cárnico, da madeira, das molduras, dos sistemas de seguridade ou do transporte levan anos agardando pola ampliación do polígono e que, ante a ausencia dunha solución, algunhas están optando por instalarse noutros municipios con solo industrial máis competitivo.
“O Goberno debe reforzar o seu compromiso coa ampliación do Polígono de Morelle, abandonar unha estratexia de prezos claramente disuasoria e presentar unha proposta realista que permita desbloquear definitivamente un proxecto esencial para o desenvolvemento industrial e económico da comarca de Sarria” defende Rego.
"Após máis de vinte anos de espera, Sarria non precisa novos anuncios nin máis promesas. Precisa vontade política para ofrecer solo industrial a prezos competitivos e crear as condicións necesarias para que as empresas poidan medrar sen verse obrigadas a marchar da comarca" sentenza Néstor Rego.