A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Iria Taibo, defendeu unha proposición non de lei para poñer o foco na "emerxencia lingüística" que atravesa o galego e na resposta da Xunta, á que acusou de inacción e de boicotear a propia lingua. As súas declaracións chegan despois de que a plataforma Queremos Galego presentase o protocolo Lingua Vital, un documento que recolle case 300 medidas para frear o declive do idioma e que conta co apoio de 57 entidades sociais e máis de 400 organizacións.
Taibo foi contundente ao afirmar que non traen o asunto da lingua ao Parlamento para falar do que a Xunta vota en contra, senón para falar da sociedade, que vai "moi por diante" do Goberno galego. Neste sentido, enumerou os reiterados votos negativos do PP a medidas como o apoio á presenza do galego na Unión Europea, a protección do idioma na sanidade, xustiza e novas tecnoloxías, ou o cumprimento do Estatuto de Autonomía e da Lei de Normalización Lingüística . Ademais, criticou que se culpe á inmigración da perda de falantes mentres se votan en contra de medidas de acollida lingüística, e subliñou a oposición do Goberno de Rueda ás indicacións do comité de expertos para a Carta Europea, que recomendan eliminar as limitacións ao uso do galego en materias científico-técnicas.
"O único que fixeron foi meter a lingua no nome da Consellaría. Moi bo exemplo de como traballan", ironizou a deputada, quen tamén denunciou a falta de propostas na web da Xunta e as "declaracións baleiras" do conselleiro. "O conselleiro pode dimitir. Debe dimitir", exixiu.
Fronte a este "absoluto nada", Taibo puxo en valor o traballo da sociedade civil, que exemplificou con iniciativas como os premios Rosalía de Castro, os proxectos sociais de dinamización lingüística como as escolas Semente, o Modelo Burela ou GCiencia. A deputada lembrou o discurso de Callón, que afirmou que "a maioría da nosa sociedade quere o noso idioma, só uns poucos ultras son contrarios a medidas de protección", e que eses ultras, dixo, "forman parte deste goberno" .
Lingua Vital, segundo explicou Taibo, é un proceso "aberto, público e publicado" que nace da sociedade e que ofrece unha folla de ruta consensuada. "Tomen a iniciativa, se non saben o que facer, se teñen conflitos internos, a sociedade está viva e quere o galego, aquí lles deixamos unhas ideas serias, consensuadas, útiles: aplíquenas", concluíu.