Galiza precisa con urxencia avanzar en autogoberno real e dotarse dun novo status político e, fronte a inacción do goberno do PP, o BNG toma a iniciativa actuando como goberno alternativo e inicia unha ofensiva que ten como primeiro reto acadar todas as transferencias pendentes no Estatuto de 1981, as aprobadas polo Parlamento galego e as que xa teñen as outras dúas nacións históricas.
A portavoz nacional, Ana Pontón, cualificou este obxectivo de “tarefa de País imprescindible”, ante un goberno do PP que lonxe de remar a favor de Galiza pon paus nas rodas.
“Quero dicilo claro e con todas as letras: Rueda está boicoteando o autogoberno de Galiza, facendo que quedemos por detrás de Euskadi e Cataluña, as outras nacións históricas, e como último exemplo dese boicot está o vergoñento voto en contra da transferencia da AP-9”, denunciou Pontón na súa intervención na xornada de traballo organizada polo BNG e pola Fundación Galiza Sempre.
Para a líder do Bloque non se trata só de que, en 17 anos de goberno do PP, Galiza non lograse máis que unha competencia, fronte as 31 de Euskadi e as 16 de Catalunya, “é que agora Rueda da un paso máis boicoteando o autogoberno e actuando como abandeirado do centralismo”, recalcou.
Neste contexto, o BNG da un paso adiante para poñer en marcha unha ofensiva competencial que permita avanzar no autogoberno e, ao tempo, avanzar nun novo status político para Galiza. “Non imos permitir que Galiza quede atrás, porque non somos máis pero tampouco menos que ninguén e por iso non hai ningunha razón que xustifique que Galiza estea nin un milímetro por detrás de Euskadi e Cataluña en materia de autogoberno”, argumentou.
Pontón recalcou que as competencias non son un “capricho”, nin se trata dun debate de “esencialismos”, por contra, “estamos falando das cousas de comer, porque as competencias son a ferramenta para mellorar a vida dos galegos e das galegas, decidindo nós sobre o noso, en lugar de que decidan por nós e en contra de nós desde Madrid, como pasa agora con todas as implicacións que iso ten”.
A modo de exemplo do boicot de Rueda ao autogoberno, Pontón citou as competencias das que xa desfrutan vascos e cataláns pero que non ten Galiza asumindo unha discriminación intolerable. “Somos a única nacionalidade histórica sen competencias en materia de tráfico, sen policía propia, sen un sistema de tren de proximidade e que agora imos quedar sen representación na UNESCO. Non existe ningún argumento legal que xustifique que quedemos exerzan esas competencias e Galiza non”, subliñou a portavoz nacional.
Na súa intervención, destacou a necesidade de avanzar cara o recoñecemento real dun Estado plurinacional, “no que existen nacións como Galiza que teñen o dereito e a necesidade de poder decidir sobre si mesmas para avanzar e mellorar a vida da xente. E non nos cansaremos de dicilo, Galiza é unha nación”, proclamou Pontón, advertindo que nun momento no que se abre “a ventá da plurinacionalidade no Estado, Galiza non pode quedar atrás”.
Para camiñar nesa dirección, ademais de acadar todas as competencias pendentes, hai que establecer un novo marco político e institucional que lle aporte a este País a capacidade real de decidir sobre todos os asuntos en función dos propios intereses
Ensanchar a base social e electoral
“Resulta imprescindíbel unha reformulación do status político de Galiza e da súa relación co Estado español, desde o pleno recoñecemento a realidade nacional de Galiza e do pobo galego como suxeito político titular de soberanía. Non é un capricho, é o noso dereito e imos exercelo recollendo o legado dos que nos precederon”, explicou a líder do Bloque.
Nesa tarefa, Pontón destacou a importancia de que o BNG siga “ensanchando” a súa base social e electoral, “imprescindible para dar pasos adiante e poder defender Galiza de xeito efectivo non momento tan complexo e cheo de incertezas”. Como exemplo do poder de implicar a cidadanía destacou a “batalla ganada co arquivo do proxecto de ALTRI, unha vitoria do pobo galego, aínda que estaremos atentas para que non intenten resucita esta macropasteira contaminante”.
De cara a avanzar en autogoberno e nese novo status político, o BNG está inmerso nun proceso de traballo cun amplo panel de expertos e expertas para facer unha análise exhaustiva e rigorosa de todas as competencias pendentes do Estatuto, das aprobadas pola Cámara e as que xa asumiran as outras nacións históricas. Resultado dese rigoroso traballo sairá un documento competencial actualizado, a modo de libro branco competencial, que o BNG presentará nas institucións e ante a cidadanía como primeiro paso, para a continuación presentar tamén unha proposta de novo status político para o País.