A portavoz de Infancia do BNG no Parlamento, Ariadna Fernández, emprazou ao PP na Xunta a “quitar as orelleiras” e atender as demandas que lle están a facer o colectivo de traballadoras e traballadores das escolas infantís sobre un modelo no que “non se pensa en quen coida nin en quen é coidado”.
“As escolas infantís non son un aparcamento de crianzas, son unha parte crucial do sistema educativo”, advertiu a deputada nacionalista, que defendeu na Comisión 4 unha iniciativa, rexeitada polos populares, para reclamar mellores ratios, máis prazas na rede pública e acabar coa precariedade laboral que sofren as e os seus traballadores.
Fernández criticou que os responsables da Xunta presuman da atención nesta etapa porque, explicou, “detrás hai un sistema que tende a ser plenamente asistencial, cunha clara tendencia á privatización e non se atenden como se deberan as necesidades educativas das crianzas, cunha precariedade laboral brutal”. “A escolarización pode ser elevada, pero detrás desa porcentaxe ten que haber calidade”, precisou, subliñando as denuncias do persoal das escolas sobre carencias na atención das crianzas.
Na defensa da iniciativa do BNG, Fernández denunciou ademais que todos os anos quedan centos de nenos en listas de agarda por unha praza na escola pública de educación infantil e criticou que o PP se negue a baixar as rateos cando “temos as peores de Europa, por debaixo de países como Italia, Hungría, Dinamarca ou Noruega”, dixo, destacando ademais as condicións de precariedade na que traballan o persoal das escolas para crianzas de 0 a 3 anos, “os peor pagados de todo o servizo educativo tendo o alumnado máis dependente”.
“Está dicindo vostede que ten capacidade para atender a trece nenos e nenas simultaneamente?”, preguntoulle a deputada nacionalista na quenda de réplica ao deputado do PP, a quen se referiu ironicamente como un “superheroe que igual tenlle que explicar os e as traballadoras como se fai”.
A través da súa iniciativa, o BNG defendeu a modificación inmediata do Decreto 329/2005 do 28 de xullo polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, adaptando a normativa á realidade educativa e asistencial actual respectando as necesidades educativas dos nenos e nenas, con rateos que garantan o benestar dos menores e inclúan puntos clave coma a necesidade de parella educativa e de recursos para a atención á diversidade.
Así mesmo, a PNL aposta por impulsar un convenio galego de escolas infantís, garantindo unhas condicións laborais dignas resultado do diálogo coa representación social do sector, atendendo as demandas das traballadoras das escolas infantís e abandonando a precariedade laboral financiada pola Consellería de Política Social que afectan directamente á capacidade de prestar un servizo educativo e asistencial de calidade.
Reforzar as prazas públicas de escolarización infantil, levando a cabo un plan onde se especifique o orzamento que se destinará para tal fin e a localización das novas prazas é o terceiro punto da proposta do Bloque, na que tamén se defende proceder á inclusión da etapa educativa 0-3 na Consellería de Educación, conferíndolle a esta parte da educación infantil o carácter educativo que ten, fuxindo da visión plenamente asistencial, cunha normativa específica.