BNG reclama a transferencia das vivendas da SAREB na Coruña á Xunta para ampliar o parque público

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego demanda ao Goberno do Estado deixar de manter inmóbeis baleiros ou vendelos a prezo de mercado mentres millares de persoas teñen dificultades para acceder a unha vivenda digna

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado información detallada sobre os activos da SAREB na cidade da Coruña e exíxelle que as vivendas que continúan en mans públicas sexan transferidas á Xunta da Galiza para a súa incorporación ao parque público de vivenda.

Para o deputado nacionalista, resulta "incomprensíbel" que, nun contexto de emerxencia habitacional e de continuada escalada dos prezos da compra e do alugueiro, o executivo continúe sen aproveitar un patrimonio público que podería contribuír a garantir o dereito á vivenda.

"Levamos anos reclamando que os activos da SAREB sexan transferidos á Xunta para destinalos a vivenda pública, sobre todo en réxime de alugueiro social mais o Goberno preferiu mantelos en desuso ou favorecer a súa venda antes que poñelos ao servizo da cidadanía" denuncia Rego.

O BNG lembra que a falta de vivenda pública é unha das principais eivas da cidade da Coruña, onde o incremento dos prezos está a expulsar a moitas persoas do mercado residencial. Neste contexto, o deputado nacionalista considera prioritario coñecer cantas vivendas e outros inmóbeis posúe actualmente a SAREB na cidade, onde están situados, en que estado se atopan e cantos deles poderían destinarse de maneira inmediata a usos residenciais.

A formación nacionalista critica tamén que o Goberno continúe sen atender unha reivindicación apoiada en diversas ocasións polo Parlamento de Galiza: a transferencia dos activos da SAREB á Xunta da Galiza para crear un verdadeiro parque público de vivenda.

"Non existe ningunha xustificación para que millares de vivendas continúen baleiras ou abandonadas mentres existe unha demanda crecente de vivenda pública. Os activos que foron rescatados con recursos públicos deben reverter na sociedade e cumprir unha función social" afirma o deputado do BNG.

Así mesmo, cuestiona a política desenvolta pola SAREB a través da promotora Arqura Homes. O BNG lembra que o Concello da Coruña vén de conceder licenza para unha promoción residencial en Pedro Hernández, entre a avenida da Pasaxe e a avenida da Vedra, e demanda ao Goberno aclarar se estas actuacións estarán destinadas á venda a prezos de mercado ou se contribuirán realmente a incrementar a oferta de vivenda accesíbel.

A esta situación, engade Néstor Rego, súmase o caso dos edificios da avenida de Fisterra, números 376 e 380, tamén propiedade da SAREB. Un deles, con 134 vivendas, atópase practicamente rematado, mentres o outro continúa como unha estrutura abandonada. "É inadmisíbel que a intención siga sendo vender estes inmóbeis cando poderían incorporarse ao parque público de vivenda nunha cidade que sofre unha evidente carencia neste ámbito" sinala Rego.

O deputado nacionalista lembra que esta situación contrasta coa realidade que viven moitas familias coruñesas, como evidenciaron os recentes intentos de desafiuzamento nos barrios dos Mallos e Monelos, paralizados grazas á mobilización social.

"O Goberno español debe abandonar definitivamente a lóxica do negocio coa SAREB. O patrimonio que permanece en mans públicas ten que servir para garantir o dereito á vivenda, non para alimentar a especulación inmobiliaria. É o momento de transferir estes activos á Xunta e poñelos ao servizo do interese xeral" sentenza Néstor Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG