Ana Pontón propón pactar no Parlamento un acordo de País para que Galiza gañe nos fondos europeos

Ana Pontón e Ana Miranda
Ana Pontón e Ana Miranda

O BNG critica un orzamento que multiplica por cinco o gasto militar mentres recorta no gasto social e na PAC e na pesca

Miranda reclama a xestión directa dos fondos: “Menos Bruxelas, menos Madrid e máis Galiza”

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada Ana Miranda avanzaron en rolda de prensa as propostas do BNG para a negociación do marco financeiro plurianual 2028-2034 da UE para que Galiza gañe e que pasan, en primeiro lugar, por pactar no Parlamento galego unha posición de país que lle permita a Galiza xestionar directamente os fondos europeos que lle corresponden para este período.

Neste sentido, o Bloque trasladará á Cámara unha proposta para negociar co resto de forzas políticas “a favor de Galiza”, avanzou Pontón, unha posición de País “para dicir ‘Non’ a máis cartos en armas e ‘Si’ a máis cartos para a xente do mar ou para a xente”, recalcou, en definitiva, para que “Galiza gañe” porque se xoga recursos que son importantes para o territorio, para os seus sectores estratéxicos ou para o desenvolvemento de infraestruturas.

A portavoz nacional pediu neste punto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que “por unha vez, sume” e non faga o de sempre, “dicirlle ‘Non’ a Galiza” e “poñer por diante os intereses do Partido Popular antes que os dos galegos e das galegas”.

Nesa posición de País, Pontón considerou preciso fixar como prioridades dous aspectos de especial relevancia: o primeiro, “un maior apoio” aos sectores produtivos galegos, como a agricultura e a pesca e, o segundo, “a defensa da cohesión social”, tendo en conta ademais un contexto no que é preciso destinar máis recursos a vivenda, á loita contra a pobreza, a programas de desemprego e inclusión, na vez de aumentar as partidas destinadas “a bombas, tanques e mísiles”.

A líder do BNG criticou a “escalda armamentística” da proposta que hai agora sobre a mesa dun orzamento europeo que multiplica por cinco o gasto militar mentres presenta “un recortazo” no gasto social e no apoio a sectores produtivos clave para Galiza como o pesqueiro ou o agrogandeiro. “O orzamento que hoxe está sobre a mesa é o resultado de poñer os intereses da OTAN e de Trump por riba dos intereses da cidadanía”, denunciou.

De igual xeito, criticou o orzamento pola centralización que presenta na xestión dos fondos europeos, de tal xeito que gañan peso Bruxelas e Madrid en detrimento de Galiza. “Sabemos que, cando algo se centraliza, Galiza perde e, polo tanto, esta é unha noticia negativa para o noso País”, advertiu.

En resumo, remarcou, a actual proposta orzamentaria significa “máis cartos para armas” e menos para mellorar a vida da xente, para os agricultores galegos e a xente do mar, nun momento no que o que se necesita é “soberanía alimentaria”, mais tamén significa “menos capacidade de decisión para Galiza”, o que implica “menos voz, menos voto e menos xestión directa de fondos europeos e máis dun centralismo que, recalcou, “é letal” para o País.

A portavoz nacional explicou que, se ben a proposta do Parlamento europeo mellora nalgúns aspectos á presentada pola Comisión, aínda é insuficiente e advertiu que nas negociacións dos chamados trílogos -Comisión, Consello e Parlamento- a experiencia demostra que a versión orzamentaria final parécese moito máis á proposta que fai a Comisión que á que sae da Eurocámara.

Por iso, instou a aproveitar estes meses que quedan de negociación para que Galiza se faga valer e mellorar a súa posición ante os fondos euroepos, para o que  defendeu as propostas do BNG que, segundo adiantou, utilizará a súa representación no Parlamento europeo a favor dos galegos e das galegas.

“Demostramos que o máis útil para este País é ter unha forza política coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas e imos volver demostralo nesta negociación”, incidiu, para concluír coa esperanza de que, “por unha vez, o señor Rueda poña por diante os intereses dos galegos e das galegas, se sume a esta proposta de País e deixe de traizoar os intereses de Galiza”, única e exclusivamente porque “para el é máis importante o Partido Popular”.

Pola súa parte, Ana Miranda criticou a redución de orzamentos, trasladou o “rotundo rexeitamento” do BNG tanto ás políticas de centralización que pretende a UE como á proposta de rearme, e salientou a súa aposta decidida polo control directo dos fondos e polo apoio aos sectores produtivos galegos.

Nesta liña, advertiu que no novo marco financeiro plurianual 2028-2034, un de cada tres euros vanse destinar a armas, é dicir, o 33%, mentres que só 22% a políticas sociais, un 18% a agricultura e pesca -que tradicionalmente tiñan moito máis orzamento- , un 17% a competitividade e un 10% a outras materias.

Ademais, advertiu que Galiza perde capacidade de decisión e peso político, dado que co modelo actual os territorios decidían o 60% na xestión dos fondos e Madrid e Bruxelas un 40%, mentres que a partir de agora pasaríase a que Galiza só decidiría un 25%, fronte a un 75% do Estado e da UE.

Miranda tamén denunciou a clara redución da política de cohesión de pesca, coa que se tiña 6.200 millóns de euros que agora a Comisión pretende que pase a 1.778 millóns. É dicir, unha perda de 4.000 millóns de euros, recalcou, para explicar a continuación que o BNG xa presentou unha emenda na Eurocámara para aumentar esa cantidade aos 7.000 millóns, co fin de que “Galiza siga tendo un peso específico de apoio” tanto á pesca como tamén á agricultura.

A eurodeputada explicou que é o Bloque a forza política que está reclamando máis cohesión, máis apoio á pesca e á agricultura, máis fondos sociais e menos centralización, fronte a un PP europeo, “o de Von der Leyen, Feijóo e Rueda” que apoia unha redución de orzamentos “drástica” en materia social e sectores produtivos.

O BNG presentou 120 emendas

“Un recorte de máis do 20% de orzamento nos sectores produtivos, en agricultura e pesca, pero tamén en industria, e iso é moi grave para Galiza”, remarcou, para explicar a continuación que o BNG presentou 120 emendas ao denominado regulamento de acompañamento, que é o que determina como se van gastar os seguintes fondos europeos.

Emendas nas que o Bloque presenta indicadores específicos como os de despoboamento, emigración xuvenil, pesca ou empregabilidade, por exemplo, en sectores industriais, e que son sobre as que a organización nacionalista está a negociar neste momento. “O BNG somos os únicos que estamos defendendo a Galiza en Europa e os que estamos dando a batalla no Parlamento europeo para que non se perdan fondos europeos en sectores clave para a nosa economía”, afirmou.   

Por iso, incidiu en que é preciso “máis Galiza e menos Europa e Estados que controlen eses fondos”, apelando ademais á necesidade de que o País necesita eses fondos pero tamén que “sexan ben gastados” e non como até agora, que “serviron para prioridades que non lle interesaban moito nin aos sectores produtivos, nin á cidadanía”.

Tanto Pontón como Miranda aproveitaron esta comparecencia para trasladar toda a solidariedade e apoio do BNG ao pobo de Venezuela, logo da dramática situación vivida polos terremotos que ocasionaron xa centos de persoas falecidas.

“Venezuela necesita a solidariedade de todo o mundo e aí debe estar Galiza, o Estado e tamén a Unión Europea, tendendo a man ante unha poboación que está pasando por un momento realmente difícil e, en situacións así, o único que cabe é a colaboración e a solidariedade”, concluíu Pontón. 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG