O Bloque Nacionalista Galego denuncia a falta de execución dos traballos de restauración ambiental comprometidos após os lumes da pasada época estival durante a visita realizada a Viana do Bolo para comprobar sobre o terreo a situación das zonas afectadas polos incendios forestais do verán pasado e os posteriores arrastres provocados polas fortes chuvias. A organización nacionalista responsabiliza tanto a Confederación Hidrográfica como a Xunta de Galiza por non ter levado a cabo os traballos de restauración comprometidos desde hai meses.
O BNG lembra que os incendios do verán de 2025 calcinaron arredor de 3.000 hectáreas no municipio de Viana do Bolo, afectando aos montes comunais de Pradocabalos, O Castro, Pixeiros, A Bouza, Vilardemilo e Vilaseco. A desaparición da cobertura vexetal deixou o territorio completamente exposto á erosión, circunstancia que favoreceu que as intensas choivas provocasen importantes arrastres de terra, pedras, cinzas e restos vexetais cara aos regatos e ao encoro do Bao, ocasionando danos en camiños, infraestruturas, explotacións agrarias e propiedades particulares.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non executou actuacións que eran da súa competencia e que resultaban fundamentais para minimizar os efectos das choivas. No concreto, lembra que a CHMS debía “levar a cabo actuacións de restauración hidrolóxico-forestal, recuperación ambiental dos leitos fluviais e das súas ribeiras, control da erosión e da desertificación, así como outros traballos complementarios nos espazos forestais afectados polos incendios co obxectivo de reducir o risco de arrastres e mitigar os efectos de episodios de choivas intensas”.
Segundo sinala Néstor Rego, "a Confederación coñecía perfectamente o elevado risco existente nestas zonas e, malia iso, non executou as actuacións necesarias para estabilizar os terreos e protexer os cursos fluviais”. Medidas preventivas, sinala, que eran imprescindíbeis e que, de terse realizado, “contribuirían a reducir de maneira significativa os danos provocados polas posteriores treboadas".
O deputado do BNG no Congreso recorda que a propia CHMS comunicara ao BNG que estas actuacións estaban previstas para os municipios máis afectados polos incendios, entre eles Viana do Bolo. "Os compromisos anunciados ficaron en papel mollado. Agora vemos as consecuencias dunha administración que non actuou cando debía facelo e que deixou completamente desprotexidos os veciños e veciñas e o propio medio natural" afirma.
Así mesmo, alén de pedir explicacións ao Goberno do Estado sobre a ausencia destes traballos, Néstor Rego exixe a execución inmediata dun plan urxente de restauración hidrolóxico-forestal e recuperación ambiental das zonas afectadas.
Pola súa parte, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza, Secundino Fernández, denuncia que "a inacción non foi só da Confederación Hidrográfica. A Xunta da Galiza tampouco asumiu as súas competencias nin executou os traballos necesarios após os incendios forestais para retirar madeira queimada, restos vexetais e outros materiais que acabaron sendo arrastrados polas choivas".
Fernández critica que "o Goberno galego abandonou os montes despois dos incendios, sen impulsar unha verdadeira restauración ambiental nin adoptar medidas preventivas que limitasen a erosión e os arrastres. Esa falta de actuación tivo consecuencias evidentes para os núcleos de poboación situados augas abaixo".
"O que aconteceu en Viana do Bolo non pode volver repetirse. Estado e Xunta teñen responsabilidades claramente definidas e ambas administracións fallaron. É imprescindíbel que deixen de pasar a responsabilidade dunha á outra e se executen todas as actuacións de restauración e prevención que o territorio necesita" sentenza a organización nacionalista.