parlamento galego

Paulo Ríos acusa á Xunta de “conivencia e trato de favor” a Monbus e afirma que as sentenzas xudiciais cuestionan a actuación da Xunta coas licitacións do transporte público

Paulo Ríos
Paulo Ríos

Asegura que as sentenza do TSXG contra o “modus operandi” de Monbus e da Xunta dan a razón ás denuncias do BNG  sobre a contratación, camuflada en UTEs para beneficiar a Monbus

Recalca que a Xunta permite a vulneración da lei no prego das concesión con lotes máximos adxudicados a unha mesma licitadora e ampara “un comportamento nonopolístico” do grupo empresarial

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos compareceu ante os medios de comunicación para valorar as tres sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza contra a Xunta e o grupo empresarial Monbus.

Ríos acusou á Xunta de “conivencia e trato de favor” a Monbus e afirmou que as recentes sentenzas  ás que seguiran máis,  dan a razón ao BNG nas denuncias sobre as irregularidades nos procesos de contratación e o permanente “incumprimento de contratos” por parte da concesionaria.

O parlamentario explicou que as sentenzas penalizan “o modus operandi” de Monbus e a Xunta en diferentes procesos de licitación do transporte público en Galiza e recalca que a Xunta permite a “vulneración da lei” no prego das concesión cos lotes máximos adxudicados a unha mesta licitadora. Para o nacionalista, este proceder ampara un “comportamento nonopolístico” da Xunta co grupo empersarial e prexudica gravemente a pequenas e mediadas empresas do sector do transporte.

Dende o BNG, reiterou o nacionalista, “levamos anos denunciando a conivencia e trato de favor da Xunta de Galiza con Monbus”, non só permitindo diversos incumprimentos na execución dos contratos, senón tamén nos propios procesos de contratación, tal e como ven de sentenciar o TSXG.

Ao seu xuízo, a Xunta de Galiza está permitindo que se vulnere o prego reitor das concesións relacionado co número de lotes máximos que poden ser adxudicados a unha mesma licitadora, facendo visíbel “o amparo ao comportamento monopolístico” do  grupo empresarial, Monbus.

Nesta liña, explicou que o modus operandi da concesionaria  consiste en “camuflar a presenza do grupo empresarial Monbus mediante a creación de UTEs compostas, de xeito maioritario, por diferentes empresas do grupo Monbus, as cales deberan ser consideradas como unha mesma licitadora, coa conseguinte limitación de lote adxudicados en base ao prego reitor.

Esta mesma táctica de copaxe do mercado, foi alertada xa  pola mesa de contratación, para tales efectos, do Goberno de Aragón, a cal entendía que “este proceder constituía  fraude de lei” ao intentar vulnerar o número máximo de lotes ao que unha mesma licitadora podería acceder.

O deputado do BNG, lembrou que o grupo parlamentario nacionalista  rexistrou unha solicitude  para a comparecencia urxente da Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas,  que unha vez máis, foi vetada polo Partido Popular e anunciou que na vindeira sesión plenaria, o BNG  interpelará á Conselleira  co fin de  expoñer a situación xerada polas sentencias xudiciais.

Ethel Vázquez está obrigada a rectificar tras o escándalo do transporte

O BNG, dixo, pedirá á titular de Mobilidade, Ethel Vázquez e ao goberno da Xunta do PP,  “unha  rectificación” ante este escándalo, que se ven a sumar ao tremendo vendaval de sentenzas xudiciais que poñen en entredito a actuación da Xunta de Galiza coas licitación no servizo de transporte público galego.

“Acusamos”, como xa o fixemos no pasado, “á Xunta de Galiza e á Conselleira de trato de favor e conivencia co grupo empresarial Monbus en detrimento da calidade do propio servizo, da pervivencia do propio sector e  supón un duro golpe á democracia e á libre competencia”. O PP dixo o deputado, ten rectificar e deixar de gobernar para “as empresas amigas” a costa dos cartos de todos os galegos e galegas.

Finalmente, o deputado do BNG reclamou que a concesionaria do transporte público “cumpra cos compromisos dos pregos” en todo o relativo ás condicións da flota de vehículos, avaliación medioambiental, horarios, frecuencias e condicións dignas para os traballadores e traballadoras. Por outra parte, tamén demandou igualdade de condicións para as pequenas e medianas empresas de transporte á hora de acceder ao servizo  e non permitir que Monbus se camufle detrás de UTEs para conseguir  entre o 60% e o 93% dos lotes.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG