BNG pide explicacións polo “trato de favor” da Xunta ao grupo Monbus

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos acusou ao goberno galego de continuar amparando ao grupo empresarial, a pesar dos reiterados incumprimentos de contrato e sentenzas xudiciais contra o proceso de licitación

O portavoz de Mobilidade do BNG, Paulo Ríos interpelou á conselleira  Ethel Vázquez  ante o “mal funcionamento do servizo público de transporte”, empeoramento das condicións laborais dos traballadores e traballadoras do sector e as consecuencias provocadas polo “monopolio” de Monbus sobre as pequenas e medianas empresas do transporte de viaxeiros.

Na interpealación á conselleira de Mobilidade, Ríos afirmou que a Xunta e o departamento que  dirixe Ethel Vázquez está a permitir e mesmo a “avalar” irregularidades nas adxudicacións dos contratos co fin de favorecer ao grupo Monbus e lembrou que a pasada semana, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, emitiu  tres sentenzas “contra o modus operandi do grupo empresarial  e da Xunta de Galiza” en diferentes procesos de licitación do transporte público.

O nacionalista afeou a intervención da conselleira Ethel Vázquez tras afirmar que a empresa cumpre o contrato e responsabilizar ao goberno central das políticas de transporte público e eludindo, en todo momento, responder ás cuestións concretas formuladas polo nacionalista que  pediu  á conselleira que deixara de mentir e de converter a Galiza en “chiiringuiteo e amiguismo”. O deputado recalcou que o verdadeiro problema é o que se reflicte nas sentenzas xudiciais ao que sumou o incumprimento dos contratos,  por parte da empresa, e as grandes deficiencias no servizo que prexudican gravemente aos usuarios e usuarias. “Por moito que se empecine a conselleira,  o transporte en Galiza non é de calidade porque o grupo empresarial beneficiado coa concesión non cumpre os seus compromisos”.  

Dende o BNG, explicou,  levamos anos denunciando a “conivencia e trato de favor” da Xunta de Galiza con Monbus,  permitindo diversos incumprimentos na execución dos contratos e  nos propios procesos de contratación, tal e como ven de sentenciar o TSXG.

Nesta liña, afirmou que “a Xunta de Galiza vulnerou  o prego reitor das concesións, no  que atinxe ao  número de lotes máximos que poden ser adxudicados a unha mesma licitadora, facendo visíbel o amparo a un “comportamento monopolístico” deste grupo empresarial.

O deputado explicou que o método cuestionado polo propio TSXG  consiste en camuflar a presenza do grupo empresarial Monbus mediante a creación de UTEs compostas, de xeito maioritario, por diferentes empresas do grupo Monbus, as cales deberan ser consideradas como unha mesma licitadora, coa conseguinte limitación de lote adxudicados en base ao prego reitor.

Esta mesma táctica de copaxe do mercado, “foi alertada pola mesa de contratación do Goberno de Aragón”, a cal entendía que este  proceder constituía “unha fraude de lei” ao intentar vulnerar o número máximo de lotes ao que unha mesma licitadora podería acceder.

Ante esta situación, rexistramos  unha petición de comparecencia urxente á Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, a cal foi vetada polo goberno galego do Partido Popular e de aí que hoxe interpelemos a conselleira  para que explique e sobre todo “rectifique este escándalo” que se ven a sumar ao “vendaval de sentenzas xudiciais” que volven a poñer en entredito “ o proceder da Xunta de Galiza na  licitación do servizo de transporte público galego”.

O que está acontecendo coas licitacións representa “ un duro golpe á democracia e á libre competencia” e a un  afán desmedido de gobernar para as empresas amigas do Partido Popular a costa dos cartos dos galegos e galegas, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG