Indicacións do voto por correo das eleccións ao Parlamento Europeo 2024

A) PROCEDEMENTO ORDINARIO

1. Solicitude do voto por correo:

Débese cubrir o formulario oficial de solicitude, ben acudindo calquera Oficina de Correos.

Tamén se pode solicitar co certificado electrónico a través da web de Correos.

A través deste formulario oficial solicitarase o certificado de inscrición á Delegación Provincial da Oficina do Censo Electoral (OCE) correspondente. A solicitude de voto por correo pode efectuarse até o día 30 de maio.

Importante: Para a recepción da documentación para poder votar, é moi importante poñer un enderezo no que se vaia poder recibir a documentación de forma persoal (o domicilio habitual se se está nel de forma habitual en horario de mañá, o enderezo do traballo...), xa que ningunha outra persoa pode recoller a documentación.

O/A elector/a deberá identificarse co seu documento de identidade (non se admite fotocopia), e a funcionaria/o de correos comprobará a súa identidade e a coincidencia da sinatura que figura no documento de identidade coa da solicitude.

A entrega do formulario de solicitude de voto por correo debe facerse presencialmente en calquera Oficina de Correos. De ter cuberto o formulario telematicamente hai que imprimilo e levalo para a súa presentación na Oficina de Correos.

É importante sinalar que o inicio da tramitación do voto por correo –aínda que despois se desista- impide o voto en mesa electoral o día das eleccións.

2. Remisión da documentación ao/á elector/a:

No prazo comprendido entre o 20 de maio e o 2 de xuño, a OCE enviará aos solicitantes do voto por correo a documentación electoral. O envío realízase por correo certificado, ao enderezo sinalado polo elector na solicitude de inscrición do censo electoral, ou no seu defecto (se non consta o enderezo), ao enderezo que figura no censo electoral.

A Delegación Provincial da OCE envía ao/á elector/a o certificado de inscrición no censo, as papeletas e sobres electorais, o sobre no que figura a dirección da Mesa electoral na que lle corresponde votar á persoa solicitante do voto por correo, e un folla explicativa de todo o proceso.

A recepción da documentación será recibida e asinada persoalmente polo/a interesado/a, acreditando a súa identidade ao/á funcionario/a de correos que lla entregue. Se non se atopa no enderezo o/a interesado/a, o/a funcionario/a de correos deixa aviso ao/á interesado/a para recoller persoalmente a documentación electoral nas Oficinas de correos, acreditando a súa identidade. Quer dicir, que os/as funcionarios/as de correos non poden deixar a documentación no enderezo a familiares, amigos/as, ou calquera outra persoa que non sexa o/a solicitante do voto por correo.

3. Envío do sobre coa papeleta de voto.

Coa documentación electoral no seu poder, o/a elector/a, elixe a papeleta de voto e introdúcea no sobre branco sen marcas, chatas, ou manipulacións. De seguido, este sobre e máis o certificado de inscrición no censo electoral introdúcese no sobre que contén o enderezo da mesa electoral, e envíase por correo certificado e urxente até o 6 de xuño.

Todo o proceso descrito é gratuíto para os/as electores/as.

B) VOTO POR CORREO DE DOENTES E PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL:

Os/As electores/as que, residindo en Galiza, se atopen imposibilitados por razón de enfermidade ou incapacidade para depositar o seu voto o día da votación, e tampouco poidan acudir persoalmente á Oficina de Correos, poden exercer o voto por correo, de acordo co seguinte procedemento.

1. Constatación da concorrencia da circunstancia de enfermidade ou incapacidade da persoa electora:

No suposto de incapacidade ou doenza, a imposibilidade de formular persoalmente a solicitude de voto por correo acreditarase por medio de certificado médico oficial. O certificado médico será gratuíto, e é preferíbel que se estenda sobre papel oficial distribuído polos Colexios Médicos, e constará expresamente a enfermidade que se padece.

Tras a expedición do certificado médico, un notario/a desprazarase ao enderezo do/a enfermo/a ou incapacitado/a co obxecto de comprobar se o/a mesmo/a posúe capacidade de obrar suficiente para exercer o dereito ao voto.

Se a Notaria/o xulga afirmativamente que posúe esa capacidade, elevará escritura pública a favor dunha terceira persoa para que tramite o voto por correo do/a enfermo/a ou incapacitado/a. Cada enfermo/a ou incapacitado/a pode apoderar unha persoa unicamente, e cada apoderado/a pode representar a un só doente. A Notaria/o expedirá copia autorizada da escritura a favor do/a apoderado/a.

O desprazamento do/da Notario/a ao domicilio é gratuíto.

2. Solicitude do certificado de inscrición no censo.

Do mesmo xeito que no procedemento de voto por correo ordinario, hai que solicitar a inscrición no censo electoral diante de calquera Oficina de Correos. Neste caso, a solicitude realízaa o/a apoderado/a, acompañado da copia autorizada da escritura pública e de copia simple para achegar esta última ao impreso de solicitude dirixido á Delegación Provincial da OCE.

Nese impreso indicarase ademais o enderezo do/da elector/a onde debe ser enviada a documentación electoral, así como o nome e enderezo da persoa autorizada para recollela. Xa que logo, no impreso de solicitude existe a dobre posibilidade de facer constar ben o enderezo do elector, ben o da persoa autorizada ou apoderado/a.

3. Recepción da documentación electoral.

A recepción da documentación electoral realízase seguindo o mesmo procedemento que o voto por correo ordinario. Agora ben, se designamos o enderezo do/a apoderado/a para recibir a mesma, e co fin de evitar problemas na entrega derivadas de reticencias do/da funcionario/a de correos a entregala a persoa distinta do elector/a, é aconsellábel gardar a copia autorizada do apoderamento, e ensinarlla para que comprobe a condición de apoderado/a do elector/a.

4. Envío do sobre coa papeleta de voto.

O procedemento é o mesmo que na modalidade de voto por correo ordinaria, mais segue a ser aconsellábel conservar a copia autorizada do poder notarial, ou presentar no seu defecto unha copia simple, para presentala na Oficina de Correos en que se realice o envío certificado e urxente do sobre de votación.

C) VOTO POR CORREO DO PERSOAL EMBARCADO.

Poderá votar o persoal dos buques da Armada, Mariña Mercante ou flota pesqueira de altura, con bandeira do Estado español, que teña que permanecer embarcado desde a convocatoria das eleccións até a súa celebración, e que durante ese período atraque en portos situados en territorio do Estado, e que estean previstos con anterioridade.

1. Solicitude do voto por correo:

A solicitude do voto por correo faise do mesmo xeito que na modalidade de voto por correo ordinario e dentro do mesmo prazo (até o 30 de maio), coas seguintes especialidades:

A) A solicitude cursarase por radiotelegrafía, correo electrónico ou fax.

B) Na mensaxe farase constar:

  • Nome e apelidos do/da solicitante.
  • Nº do documento de identidade.
  • Data de nacemento.
  • Concello e provincia de nacemento.
  • Concello de residencia en que está incluído no censo electoral.
  • Enderezo, especificando rúa, número, etc..
  • Nome do buque no que se encontra embarcado.
  • Porto ou portos nos que teña previsto atracar o buque, con indicación das datas concretas en que se vai efectuar a parada en terra.
  • Se puidera recibir a documentación electoral por medio doutro buque, indicarase o armador, consignatario ou buque onde poda ser enviada.

C) A solicitude envíase á Delegación Provincial da OCE correspondente en función de onde estea inscrito.

D) Os servizos de radiotelegrafía dos buques terán a consideración de dependencias delegadas do servizo de correos, e os comandantes e capitáns, ou o oficial no que deleguen, ostentarán a consideración de funcionarios encargados da recepción da solicitude.

2. Remisión da documentación ao/á elector/a:

A Delegación Provincial da OCE, comprobada a inscrición do/da interesado/a, considerará a todos os efectos recibida a solicitude e remitirá a documentación a que nos referíamos no voto por correo ordinario ben ao porto, ben ao armador, consignatario ou buque que o elector/a designara, e ao seu nome.

3. Envío polo elector/a da papeleta de voto:

Realizarase até o 5 de xuño, o elector/a remitirá por correo urxente e certificado, desde calquera dos portos nos que atraque o buque a documentación electoral á mesa na cal lle corresponde votar.

D) VOTO POR CORREO DOS RESIDENTES TEMPORAIS NO EXTERIOR (ERTA)

A normativa electoral estabelece o dereito de exercer o voto por correo ás persoas que viven no estranxeiro temporalmente e estean inscritas no censo de residentes temporais (estudantes, traballadores temporais, etc...).

1. Solicitude do voto.

O impreso de solicitude do voto por correo poderá recollerse presencialmente nos Consulados e Embaixadas ou descargalo na páxina web do Ministerio.

Folla informativa:

Cómpre presentar o documento de identidade ou pasaporte para acreditar a identidade.

É obrigatorio para poder realizar a solicitude estar inscrito/a no Rexistro de Matrícula Consular como non residente (ambos trámites, a inscrición e a solicitude poden facerse conxuntamente). Dado que a entrega da solicitude debe facerse presencialmente, a persoa interesada, en caso de non estar inscrita no citado rexistro, pode facelo no mesmo día todo xunto sen necesidade de desprazarse máis veces.

O prazo de solicitude do voto por correo para as persoas residentes temporais no exterior remata o 11 de maio.

O prazo para a recepción da documentación para votar é do 14 ao 20 de maio.

2. Remisión do voto por correo:

Até o día 5 de xuño poden remitir o voto contendo as papeletas electorais por correo certificado ás mesas electorais, de xeito similar ao estabelecido para o voto por correo ordinario. Ao igual que no procedemento ordinario, para remitilo será indispensábel que conste claramente no sobre un carimbo ou outra inscrición oficial dunha Oficina de Correos do Estado correspondente, que certifique que se remitiu dentro do prazo previsto.

E) VOTO POR CORREO DOS RESIDENTES AUSENTES (CERA)

O procedemento foi modificado polo que xa non debe solicitarse, senón que se envía de oficio a documentación precisa a todos os inscritos no CERA da seguinte forma:

1º. A Delegación Provincial da Oficina del Censo Electoral remitirá de oficio ao enderezo da inscrición de cada persoa inscrita no CERA a seguinte documentación:

  • O sobre de votación.
  • Dous certificados idénticos de estar inscrito no censo de electores residentes ausentes que viven no estranxeiro.
  • O sobre no que debe figurar o enderezo da Xunta Electoral Provincial competente e o sobre no que apareza o enderezo da Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática na que estea inscrito.
  • Unha folla informativa sobre como exercer o dereito de voto e o enderezo da páxina web oficial na que se exporán as candidaturas definitivas, e na que estarán dispoñíbeis os xogos de papeletas descargábeis, con todas as candidaturas concorrentes, así como calquera outra información sobre o proceso electoral.
  • A relación de centros habilitados para o depósito de voto en urna no ámbito da súa demarcación consular.

Na folla informativa que acompañará á documentación citada recolleranse as instrucións para obter telematicamente un xogo de papeletas de maneira accesíbel, con todas as candidaturas concorrentes, así como os medios polos que os electores poderán coñecer as candidaturas proclamadas.

Co fin de garantir o segredo do voto, só poderá efectuarse a descarga telemática do xogo completo de papeletas.

O envío da documentación (agás as papeletas) realizarase entre o 4 e o 10 de maio ambos incluídos.

2º. A Delegación Provincial da OCE remitirá así mesmo as papeletas oficiais ao enderezo de inscrición dos electores residentes ausentes que viven no estranxeiro, entre o 15 e o 19 de maio ambos incluídos se non hai impugnación de candidaturas e de habela até o 25 de maio.

A votación pódese realizar de dúas formas:

1º. As persoas electoras que opten por depositar o voto en urna farano entre o 1 e o 6 de xuño ambos inclusive entregando persoalmente os sobres naquelas Embaixadas, Oficinas ou Seccións Consulares nas que estean inscritas ou nos lugares que a tal efecto sexan habilitados para iso, en horario de mañá e tarde.

As persoas electoras acreditarán a súa identidade ante o/a funcionario/a consular mediante algún dos seguinte documentos:

  • Pasaporte.
  • DNI.
  • Certificación de nacionalidade.
  • Certificación de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular expedida pola Oficina Consular de Carreira ou a Sección Consular da Misión Diplomática de España no país de residencia.

Unha vez identificada e previa exhibición e entrega dun dos certificados de inscrición no CERA que recibiu, depositará o sobre dirixido á Xunta Electoral competente para o seu escrutinio, unha vez que o persoal funcionario consular asine no reverso do sobre e estampe no mesmo o selo da Oficina Consular no que conste a data do seu depósito.

2º. As persoas electoras que opten por exercer por correo o seu dereito de voto deberán incluír no sobre dirixido á Xunta Electoral correspondente, ademais do sobre de votación, un dos certificados de estar inscritas no CERA, en cuxo reverso constará a sinatura e número de pasaporte ou DI, así como fotocopia dalgún dos documentos mencionados como válidos para identificarse no punto 1º. Toda a documentación introducirase no sobre dirixido á Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática á que cada elector estea adscrito, e incluirase neste sobre o outro certificado de estar inscrito no CERA.

A documentación así ordenada enviarase persoalmente pola persoa electora por correo postal, certificado á Oficina Consular de Carreira ou Sección Consular da Misión Diplomática á que cada persoa electora estea adscrita, non máis tarde do 4 de xuño.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG