parlamento galego

BNG acusa á Ethel Vázquez de permitir as irregularidades de Monbus

Paulo Ríos
Paulo Ríos
Paulo Ríos lembra que o TSXG impugnou varias licitacións por “razonables indicios” de vulneración dos pregos na concesión e incumprimento de contratos e afeou que a Xunta continúe sen reaccionar

O deputado do BNG, Paulo Ríos acusou á titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez de permitir  “incumprimentos reiterados de contratos e   avalar irregularidades” na adxudicación de contratos para favorecer o monopolio do grupo Monbus.

Na defensa da moción sobre a política do Goberno galego, a respecto do transporte público por estrada, o parlamentario do BNG, Paulo Ríos explicou que este servizo leva anos dando síntomas de mal funcionamento e  empeorando a calidade da prestación a usuarios e usuarias ao que sumou as “precarias” condicións laborais dos traballadores e traballadoras e o “paulatino esmorecemento” das   pequenas e medianas empresas  do transporte de viaxeiros.

O nacionalista subliñou  que, “o  TSXG impugnou varias licitacións de transporte público” ante indicios razonables de incumprimentos dos pregos e “comportamentos monopolísticos” e de “colusión” por parte da empresa Monbus.

Tras estas resolucións, engadiu, a Xunta de Galiza decidiu persistir no seu proceder irregular e recorrer as resolucións do TSXG, xunto co grupo empresarial,    recursos que  que onte mesmo  foron desestimados.

Dende o BNG, recalcou o nacionalista,  levamos anos denunciando a “conivencia e trato de favor da Xunta de Galiza con Monbus”, consentindo  incumprimentos na execución dos contratos e  nos propios procesos de contratación, tal e como ven de sentenciar o TSXG, reiterou.

A Xunta de Galiza, reiterou Paulo Ríos,  “está permitindo que se vulnere o prego reitor das concesións”, no relativo  ao número de lotes máximos que poden ser adxudicados a unha mesma licitadora, facendo visíbel o amparo ao comportamento “monopolístico” do mencionado  grupo empresarial.

Este modus operandi consiste en camuflar a presenza do grupo empresarial Monbus mediante a creación de UTEs formadas maiormente por diferentes empresas do grupo, que  deberan ser consideradas como unha mesma licitadora, coa conseguinte limitación de lote adxudicados en base ao prego reitor, “ condición que non se cumpriu”.

Esta  táctica de copaxe do mercado, explicou o deputado do BNG,  foi denunciada  pola mesa de contratación do Goberno de Aragón por entender que  este proceder constituía “unha fraude de lei” ao intentar vulnerar o número máximo de lotes ao que unha mesma licitadora pode acceder.

A conivencia entre PP e o grupo empresarial Monbus xa traspasa as nosas fronteiras e constatamos como este mesmo verán foron paralizadas  varias licitacións no servizo de transporte escolar da Generalitat Valenciana, adxudicadas a Monbus, onde se pretende dar o servizo de transporte escolar incluíndo neste servizo até 54 vehículos que xa operan en lotes actualmente activos en Galiza.

A xuízo do deputado, a Xunta debe opoñerse a este proceder porque de non facelo urxentemente “estará  utilizando as institucións públicas para beneficiar a unha empresa amiga”, Por outra banda, a Xunta tamén debe  explicar “se avala que os mesmos vehículos poidan facer servizos con compatibilidades de horarios atopándose a 700Qm entre os diferentes servizos”, ou sobre o  desgaste que estes vehículos sufrirían ao aumentar de xeito notable os seus quilómetros percorridos.

O PP impide que Ethel Vázquez compareza na Cámara galega para dar explicacións

Ante esta situación, dixo Paulo Ríos,  o BNG rexistrou unha petición de comparecencia urxente á Conselleira de Mobilidade e Infraestruturas, que foi vetada polo goberno galego do Partido Popular a finais do último período de sesións.

O parlamentario do BNG rematou a súa intervención acusando á Xunta de Galiza e a Consellería de “trato de favor e conivencia” co grupo empresarial Monbus e cun “desmedido afán” de gobernar para as empresas amigas do PP, a costa dos cartos de todos os galegos e galegas.

Tras a intervención do portavoz popular, José Manuel Balseiro que eludiu responder ás acusacións do deputado do BNG, o nacionalista , lamentou, que unha vez máis, o Partido popular votara en contra de apostar “pola calidade” do  transporte público  e atendendo ás necesidades de usuarios e usuarias, rematar coas irregularidades nos contratos e poñer freo “ás condutas monopolísticas” que condenan á desaparición ás pequenas e medianas empresas do sector  e confiou en que nas vindeiras eleccións, sexa o BNG, “con responsabilidade no goberno na Xunta”, o encargado de resolver  unha situación provocada pola política  de amiguismo do  PP  con Monbus e  que tanto está a prexudicar ás persoas usuarias do transporte público por estrada.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG