A viceportavoz do Bloque Nacionalista Galego no Parlamento, Olalla Rodil, cualificou este luns ao Goberno de Rueda como “un goberno incumpridor, un goberno preguiceiro e, sobre todo, un goberno sen ideas para dar resposta aos problemas que viven as galegas e os galegos”. Nunha rolda de prensa previa ao debate sobre o Estado da Nación Galega que arrinca este mércores co discurso do presidente da Xunta, Rodil fixo un balance demoledor das promesas do PP nos últimos anos e asegurou que “o estilo Rueda non é máis que pura propaganda”.
Rodil presentou un informe do BNG que recolle “máis de 40 incumprimentos, anuncios repetidos e anuncios refritos que nunca chegan a materializarse”. Como exemplos, citou o anuncio en 2023 dun fondo de investimento público-privado dotado con 300 millóns de euros para sectores estratéxicos, “nin sequera foron capaces de crear ese fondo”. Tamén lembrou a promesa de inaugurar o primeiro centro de coidados intermedios, anunciado en 2021, 2022 e 2023, “e a realidade é que non hai nin o primeiro”. Do mesmo xeito, criticou a promesa dun programa ‘Recupera’ para contratar 30 investigadores de alto nivel: “Nada, non sacaron nin a convocatoria”. No debate de 2025, Rueda volveu prometer o mesmo fondo de 300 millóns e unha nova lei de incendios que xa anunciara Feijóo en 2022: “Non hai lei. O que si vimos, por desgraza, outro verán máis, son incendios”, engadiu Rodil.
En materia sanitaria, a viceportavoz do BNG subliñou que Rueda prometeu no pasado debate de política xeral incorporar 35 psicólogas e psicólogos clínicos nos centros de saúde de Galiza: “A realidade é que neste país só hai 21 a día de hoxe”. Para Rodil, todo isto “é o mellor reflexo do estilo Rueda e do Goberno do Partido Popular en estado puro. Se as galegas e os galegos comésemos dos anuncios do PP, estaríamos xa fartas con este nivel de propaganda”.
Detrás destes incumprimentos, denunciou Rodil, “hai unha falta clara de proxecto político, un goberno preguiceiro instalado no autobombo e no conformismo, que ten que vir cada ano a anunciar o mesmo porque non ten unha soa proposta para resolver os problemas da xente”.
Pola contra, o BNG centrará o debate “na Galiza real”. Rodil anunciou que levarán ao Parlamento a voz das milleiros de persoas que agardan 15 días ou máis para ser atendidas polo seu médico de cabeceira, das 11.000 crianzas que non teñen pediatra asignado, das máis de 22.000 persoas inscritas no rexistro de demandantes de vivenda e da mocidade que ve como o prezo dos alugueres fai imposible desenvolver un proxecto de vida propio.
“As galegas e os galegos van ver neste debate unha alternativa de goberno, a que representa o BNG con ideas claras, propostas reais e proxecto político para poñer este país onde se merece, que é moito máis que a propaganda e os incumprimentos do PP”, concluíu Rodil.