Pontón preguntará a Rueda se Galiza está protexida contra os incendios cando nin cambiou a normativa nin limpou as faixas

Olalla Rodil
Olalla Rodil

O BNG interpelará o conselleiro de Sanidade sobre as medidas para afrontar un verán máis sen persoal, con peche de camas e colapso en urxencias 

O desbloqueo da transferencia da AP-9 a Galiza e a campaña do goberno do PP contra a CIUG polas probas da PAU, entre os asuntos do Pleno

O BNG proporá ademais a reforma da Lei de Turismo para regular as Vivendas de uso turístico e blindar o dereito á vivenda

Rodil advirte que se o PP non levanta o veto e reinicia o proceso de elección da adxunta á Valedoría, o BNG retirará o seu apoio á valedora 

O BNG preguntará no Pleno da semana que vén se Galiza está protexida contra os incendios como os rexistrados o verán pasado,  despois de que,  contra o anunciado por Rueda no Debate do Estado da Nación, a Xunta non promovese cambios na normativa para que o Goberno galego entrase directamente a limpar as fincas situadas nas faixas secundarias de protección fronte aos lumes en concellos de menos de 10.000 habitantes antes do 31 de maio.

“Nin houbo cambio normativo nin limpou as faixas de protección”, recordou a viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil na rolda posterior á Xunta de Portavoces. “Rueda terá que explicar porque non cumpre o que promete e se fixo o que tiña que facer para protexer este País diante dun dos maiores perigos ambientais, sociais e económicos que vivimos cada ano”, advertiu.  

Esta será a pregunta que Ana Pontón lle fará ao presidente da Xunta na sesión de control, mentres, na mesma liña, o BNG tamén pedirá, a través dunha moción, que se depuren responsabilidades políticas derivadas do incendio de Oímbra, o segundo maior da historia de Galiza, que tivo a súa orixe nuns traballos de roza ordenados polo Concello da localidade ourensá e que estivo a piques de levar por diante a vida de tres brigadistas. 

“É absolutamente impresentable o que está facendo o PP, intentando escorrer o vulto nunha responsabilidade directa do Goberno da Xunta e do Concello de Oímbra”, gobernado polo PP, cando, recordou, “estaba terminantemente prohibido rozar polo risco extremo de incendios”.

Tamén cara a campaña de verán, o conselleiro de Sanidade terá que responder á interpelación do BNG, despois de que o PP vetase, unha vez máis,  a súa comparecencia no Pleno, para explicar as medidas previstas para facerlle fronte a un ano máis de listas de espera que seguen medrando, peches de camas ou o colapso de urxencias, que non fan máis que “evidenciar a falta de recursos e persoal que hai de maneira estrutural no Sergas”, apuntou Rodil.

Desbloqueo da AP-9 e regulación das Vivendas de Uso Turísticas

A través dunha proposición non de lei, o BNG defenderá que todos os grupos da Cámara apoien o acordo impulsado polo Bloque non Congreso para desbloquear a AP-9, tanto a titularidade como a xestión da autoestrada, e que sexa o Goberno español quen asuma todas as cargas económicas derivadas das decisións que adoptou a Administración Xeral do Estado sobre a concesión, incluídas a prórroga ilegal ata 2048 outorgada polo goberno de José María Aznar no ano 2000.

“Se non fose por esa prórroga ilegal, os galegos e galegas non estariamos hoxe falando de se é necesario deixar de pagar peaxes na Autoestrada do Atlántico”, recordou a deputada nacionalista.

En materia de vivenda, Rodil anunciou unha proposición de lei impulsada polo Bloque Nacionalista Galego para reformar a lei de Turismo coa fin de regular as Vivendas de uso Turístico (VUT) e blindar a vivenda como dereito fundamental freando o seu uso especulativo.

O PP quere o control da PAU para vixiar os contidos e centralizar as probas

Rodil anunciou ademais que o BNG levará ao Pleno da semana que vén unha pregunta urxente relacionada coas Probas de Acceso á Universidade (PAU) sobre a campaña iniciada polo Goberno galego contra a Comisión Interuniversitaria de Galiza, que a deputada nacionalista cualificou como “OPA hostil” do PP para “tombar” o organismo que organiza a selectividade e “facerse co control das Probas de Acceso á Universidade” . 

“Levan anos intentando iso para vixiar os contidos, para limitar a liberdade académica e para centralizar as probas, cargándose as competencias que ten este País no exercicio do seu autogoberno”, criticou, reclamándolle ao PP “respecto” á CIUG e recordando que tres membros, o 50%, son nomeados pola propia Xunta de Galiza. “Pedímoslle que cesen a campaña de control de todas as institucións deste País”, proclamou.

Neste sentido, Rodil aproveitou para anunciar que o BNG lle solicitou á Mesa do Parlamento que se reinicie o proceso para designar a persoa adxunta á Valedora do Pobo e se poña fin á “anomalía democrática” que impuxo o PP co seu veto ao profesor de Dereito Administrativo, Fernando de Abel, bloqueando o proceso desde hai tres meses.

“Se non se reinicia o proceso de maneira inmediata e se o PP non levanta o veto, o BNG imos retirar o noso apoio á Valedora do Pobo actual”, advertiu.

Proba do “nulo respecto” que ten o PP pola democracia e polo pluralismo político, a deputada nacionalista lembrou que o PP tamén ten bloqueada a renovación do Consello de Administración da CSAG, cuxa reforma normativa daba un prazo de tres meses pero que leva máis de un ano sen que se inicie o proceso. ”Porque o PP bloquea todo aquilo que non pode controlar”, sinalou, recordando que os populares precisan máis votos que os seus para renovar o Consello de administración dos medios públicos galegos. 

“Non permite que se renoven institucións tan importantes para o funcionamento democrático deste País como son a Valedoría do Pobo ou a Radio e TV públicas”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG