BNG logra que a Xunta concrete o calendario da dragaxe de Foz: as obras iniciaranse no segundo semestre de 2026

Dani Castro
Dani Castro
Daniel Castro denuncia que, a pesar do anuncio do Goberno galego en setembro de 2025 cun investimento próximo ao millón de euros, a día de hoxe non hai máquinas traballando nin prazos públicos

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, conseguiu que a Xunta de Galiza desvelase por fin un calendario concreto para a dragaxe do porto de Foz, unha demanda que cualificou como “necesaria” e “agardada” pola confraría de pescadores, a asociación A Ribeira de Foz e o conxunto de sectores económicos vinculados ao porto.

Castro lembrou que foi o pasado setembro de 2025 cando o Goberno galego anunciou a actuación, cun investimento próximo ao millón de euros, e se comprometeu a que as obras comezasen ao longo do 2026. Porén, a 9 de xuño de 2026, o parlamentario nacionalista denunciou que “a realidade é algo distinta”: “Non hai máquinas traballando e sobre todo non hai un calendario público coñecido. O que temos son silencios e falta de información”, sinalou.

No que atinxe aos prazos, sinalouse na Comisión de Pesca no Parlamento que o proxecto construtivo, encargado en setembro, será entregado nun prazo aproximado de dúas semanas. Seguidamente, a aprobación técnica por parte de Portos de Galiza está prevista para os meses de xullo e agosto. Unha vez aprobado, solicitarase autorización para o vertido de material en alta mar a Capitanía Marítima de Burela e a achega de area á praia de Altar a Costas. 

Daniel Castro puxo en evidencia as graves carencias que sufre a actividade portuaria: “Os barcos profesionais e veleiros só poden saír e entrar unha hora e media ou dúas antes e despois da preamar. Isto non permite ter unha actividade portuaria normal nun porto en 2026”. Ademais, recriminou a falta de comunicación da Xunta cos afectados: “A confraría, o consello e a asociación Ribeira seguen pedindo respostas e non as reciben”.

O deputado nacionalista criticou que se actúe “de última hora”, en referencia á batimetría anunciada para os próximos días, e cualificou esta dinámica como “un pouco cutre”, aínda que valorou positivamente calquera avance. O BNG valorou positivamente a concreción dos prazos, aínda que advertiu que será esixente no cumprimento dos mesmos. “A xente de Foz leva agardando desde 2018. Agora temos un calendario, e imos vixiar que se cumpra”, concluíu Castro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG