Iria Carreira le no Pleno do Parlamento o decálogo censurado por Educación sobre os efectos dos recortes no IES de Melide

Iria Carreira con representantes do IES de Melide
Iria Carreira con representantes do IES de Melide
“Están tan afanados en ser censores e represores que non se están preocupando de mellorar a calidade do ensino galego”, denunciou 

A deputada da comarca, Iria Carreira, retou ao titular de Educación, Román Rodríguez, a desmentir os puntos do decálogo censurado pola Consellería sobre os efectos que terán os recortes de profesorado no IES de Melide.  “Señor Rodríguez, están tan afanados en ser censores e represores que non se están preocupando por mellorar a calidade do ensino galego”, criticou a deputada nacionalista, que acusou aos populares de “vivir instalados no antigo réxime e confundir maioría absoluta con absolutismo”.

“Por que na súa Consellería se preocupan máis de actuar como censores e represores en vez de mellorar a calidade do ensino público e que centros como o IES de Melide melloren a súa oferta educativa e as condicións do profesorado?”, preguntoulle, ao tempo que o emprazou a deixar o papel de “censor” porque, alegou, “Franco morreu hai xa suficientes antos”. 

Unha por unha, a deputada do BNG preguntoulle ao conselleiro polas dez consecuencias  recollidas no documento censurado, elaborado polo cadro docente: perda de profesorado con praza definitiva, perda de estabilidade nos proxectos do centro (Erasmus+, Proxecta ou Innova-lab), redución de materias optativas, menor capacidade para configurar itinerarios en bacharelato, dificultades no proceso de matriculación, incremento da ratio e masificación, redución da atención á convivencia, redución da atención á diversidade, menos oferta educativa e dificultades para estabilizar a oferta.  

Segundo denunciou Carreira, o decálogo estivo pendurado nas paredes do centro e chegou a ser compartido nas redes sociais do IES “até que chegou a Inspección e mandou parar”. “Buscan controlar polo medo e a forza o que non son capaces de controlar polo relato”, engadiu a deputada, que criticou non só á “orde directa para retirar todo” senón tamén que desde a Consellería “pediron culpables: buscaron nomes e apelidos das persoas responsábeis”.

Tras lembrar que xa neste curso a dirección do instituto de Melide tivo que refacer os horarios por non dispor dun docente de inglés co que contaban, Carreira advertiu das consecuencias que terá na calidade educativa a decisión da Consellería de amortizar a través do concurso de traslados tres prazas máis (Latín, Lingua e Literatura galegas e Xeografía e Historia). 

Carreira criticou ao conselleiro que lle moleste máis a liberdade de expresión do profesorado ou que se coñezan as consecuencias dos seus recortes que o deterioro da calidade educativa e adopción de medidas para evitalo. “Señor conselleiro, que é o que lle molesta a vostede deste decálogo, por que lle molesta a liberdade de expresión dos docentes e por que lle molesta que se coñezas as consecuencias das súas políticas e recortes”?, preguntoulle. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG