BNG reclama un Plan Industrial para Navantia Ferrol que “garanta emprego, carga de traballo e futuro para a comarca”

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego Candamil urxe investimentos estratéxicos, a recuperación da construción naval civil e a incorporación da Xunta ao Consello de Administración da empresa

A organización nacionalista levará a debate unha Proposición Non de Lei na Comisión de Industria do Congreso

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado un verdadeiro Plan Industrial para Navantia na ría de Ferrol que permita reforzar as capacidades produtivas dos estaleiros, garantir a carga de traballo e consolidar o emprego nun sector estratéxico para a economía galega. Farao por medio dunha PNL que irá a debate na Comisión de Industria do Congreso.

O BNG alerta de que a perda de contratos no sector da eólica mariña e a recente reorganización de Navantia Seanergies ameazan con deixar sen actividade durante un longo período as instalacións de Fene e exclúen a fábrica de Turbinas dos proxectos vinculados ás novas tecnoloxías da transición enerxética e da descarbonización.

Ademais, segundo explica o deputado nacionalista, a reorganización empresarial semella abrir a porta a que outros centros da compañía compitan directamente coas instalacións da ría de Ferrol na construción de buques de mediano e grande porte, unha actividade que historicamente estivo vinculada aos estaleiros ferroláns.

Para Néstor Rego, “a dirección de Navantia está enviando sinais moi preocupantes para o futuro industrial da comarca. Non só renuncia a investimentos imprescindíbeis para manter e ampliar as capacidades produtivas da ría, senón que tamén pretende excluír a representación social da negociación do Plan Industrial, rompendo coa lóxica dinámica de diálogo coa representación dos traballadores e traballadoras”.

O deputado nacionalista considera que “Ferrol non pode ficar á marxe das oportunidades que representan as enerxías renovábeis, a transición enerxética e os novos mercados vinculados á descarbonización do transporte marítimo. O futuro de Navantia pasa pola diversificación, pola innovación e por reforzar o papel dos centros galegos, non por debilitalos”.

Neste sentido, o BNG reclama ao Goberno do Estado medidas concretas para asegurar o futuro de Navantia na ría de Ferrol. Entre elas, favorecer a incorporación da Xunta de Galiza ao Consello de Administración da empresa pública, recuperar a actividade de construción naval civil e garantir que as novas construcións de buques de mediano e grande porte continúen sendo adxudicadas aos estaleiros da ría.

A iniciativa nacionalista tamén aposta por integrar plenamente Navantia Ferrol nos segmentos de maior valor engadido das enerxías renovábeis e da mobilidade marítima sustentábel, incluíndo a fábrica de Turbinas, así como por acometer investimentos estratéxicos en novas infraestruturas, diques e sistemas de elevación de cargas que permitan aumentar a competitividade dos estaleiros.

“O Goberno debe actuar con responsabilidade e presentar un plan ambicioso que garanta actividade, emprego e capacidades produtivas para as próximas décadas. Falamos dunha empresa pública estratéxica e dun sector fundamental para miles de familias da comarca” subliña Rego.

O BNG defende igualmente a descentralización das políticas de compras e subcontratación para favorecer o tecido empresarial da contorna e reclama que as medidas sociais aplicadas ao persoal de Navantia sexan estendidas á industria auxiliar, especialmente no relativo á formación e ás condicións de xubilación.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG