BNG exixe que a Xunta manteña a CiUG como órgano único da PAU e denuncia o “control ideolóxico” do PP

Dani Castro
Dani Castro
O deputado Daniel Castro rexistrará unha proposición para preservar a Comisión Interuniversitaria de Galiza como xestora única das probas de acceso á universidade e critica o “sectarismo” do Goberno de Rueda

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Daniel Castro, vén de anunciar o rexistro dunha proposición no Parlamento co obxectivo de que a Xunta manteña a CiUG como órgano único de coordinación, organización e xestión da PAU e dos procedementos de admisión no Sistema Universitario de Galiza.

Castro amosa a súa preocupación polas declaracións realizadas tanto polo conselleiro de Educación como polo presidente da Xunta, ás que cualificou de “sectarias” e propias dun “control ideolóxico” que, ao seu xuízo, o PP está a trasladar tamén ao ámbito da selectividade. “Estamos a asistir atónitos e atónitas a unha escalada de sectarismo”, afirmou.

O representante nacionalista criticou que o Goberno de Rueda cuestione a “profesionais de recoñecido prestixio” por erros puntuais que, lembrou, “foron rapidamente sinalados e solucionados”. Pola contra, sinalou que a Xunta non tivo a mesma “rapidez” nin “oportunidade” para aceptar propostas da propia CiUG, como a de dispoñer de dous revisores por exame para evitar este tipo de incorreccións.

Lembra que a Xunta de Galiza xa está representada na propia CiUG a través da Consellería de Educación, polo que ten capacidade de decisión e control dentro do órgano. “Falamos dunha entidade da que a Xunta xa forma parte. Pretender agora desmantelala ou substituíla non é máis que un exercicio de desconfianza cara aos seus propios representantes e un paso máis no intento de controlar politicamente a elaboración da PAU”, sinalou o deputado.

“O problema non queda só aí”, advertiu Castro, “o problema está na proposta do PP de controlar desde a Xunta tamén os exames da PAU”. Segundo o deputado, calquera profesional ou entidade que leve a contraria ao Goberno de Rueda é “castigado” polo sectarismo do PP, unha dinámica que agora se estaría a trasladar á CiUG, “unha entidade de recoñecido prestixio que leva anos cun modelo de éxito”.

Para rematar, Daniel Castro subliñou que detrás do discurso do PP sobre a “neutralidade ideolóxica” agóchase “sectarismo, control ideolóxico e censura”, e advertiu que dende o BNG “non o imos permitir”. A proposición rexistrada busca frear esta deriva e garantir a independencia técnica e académica no deseño e corrección das probas de acceso á universidade en Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG