BNG reclama a modernización urxente da liña de largo métrico Ferrol-Ribadeo e a transferencia á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego denuncia as continuas incidencias, especialmente no tramo entre Ferrol e Ortigueira, e urxe o Goberno a mellorar o transporte público e executar investimentos para a modernización da liña e a renovación do material rodante

O deputado do BNG aposta por transferir a infraestrutura á Galiza, así como o material rodante, tal e como se veu producindo noutros territorios do Estado

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, alerta da necesidade de actuar con carácter inmediato na liña de ferrocarril de largo métrico que une todo o norte da Galiza, especialmente entre Ferrol e Ortigueira, ante a reiteración de incidencias graves, a deterioración do servizo e a falta de investimentos estruturais por parte do Goberno do Estado e defende a posterior transferencia á Galiza.

Segundo subliña o BNG, a situación da liña resulta “insustentábel” após novos episodios como o incendio recente nunha unidade ferroviaria e a acumulación de máis de 100 supresións de servizo en apenas uns meses, provocadas maioritariamente polo mal estado do material rodante e pola falta de unidades de substitución.

A formación nacionalista advirte de que a inseguranza do servizo é xa estrutural, con avarías frecuentes, cancelacións case diarias e falta de información e alternativas para as persoas usuarias. Esta situación afecta de maneira directa a conectividade das comarcas de Ferrol e Ortegal, agravando o illamento territorial e as dificultades de mobilidade.

Para o deputado do BNG, esta realidade contrasta co incremento das necesidades de transporte público nun territorio que precisa servizos ferroviarios “fiábeis, frecuentes e adaptados á realidade social e económica”.

Ante esta situación, o deputado nacionalista reclama ao Goberno executar investimentos urxentes de modernización, renovar o material rodante e reforzar o persoal de atención ao público tanto a bordo como nas estacións.

Transferencia e modelo de xestión máis próximo

Paralelamente, Néstor Rego insiste en que a solución de fondo pasa por unha mudanza de modelo: a transferencia da liña entre Ferrol e Ribadeo á Administración galega, de maneira que a infraestrutura e os servizos poidan ser xestionados con criterios de proximidade e eficacia.

Neste sentido, Rego lembra que outros territorios xa completaron procesos semellantes coa antiga rede FEVE, como Euskadi, Catalunya ou Andalucía, a través de operadores públicos propios, con resultados positivos no incremento de usuarios e na mellora do servizo

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG