Apoio do BNG ás traballadoras e traballadores de Nestlé polo ERE inxustificable da empresa

Factoria de Nestlé en Pontecesures
Factoria de Nestlé en Pontecesures

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego, Ana Pontón, e a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, compareceron este mércores para trasladar “todo o noso apoio ás traballadoras e traballadores” de Nestlé ante o anuncio da multinacional de aplicar un ERE que suporía o despedimento de 27 persoas, o 14% do cadro de persoal da fábrica.

Pontón subliñou que a factoría de Pontecesures produce a totalidade do leite condensado que Nestlé vende en Europa, Norte de África e Oriente Medio, e que funciona “en tres quendas as 24 horas ao día de luns a venres, e dous meses ao ano tamén 24 horas sábados e domingos”. Uns datos que, unidos aos beneficios obtidos pola compañía en 2025 (2.984 M€), fan que a decisión sexa “incomprensible e inxustificada”.

A líder nacionalista pediu a “intervención inmediata do goberno da Xunta” en defensa do emprego e da produción industrial, e esixiu ao presidente Alfonso Rueda que “se posicione a favor de Pontecesures e da comarca do Baixo Ulla. Non vale mirar para outro lado, ten que dar a cara e poñerse do lado das traballadoras e traballadores”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Pontecesures, Maite Tocino, advertiu do grave impacto social e económico que suporía este despedimento colectivo. “Estamos aquí acompañando o Comité de Empresa na súa reivindicación fronte a este ERE que no caso da nosa fábrica afecta un 14% do cadro de persoal, 27 traballadores, tanto mensuais como persoal obreiro”, sinalou.

Tocino destacou que se trata “quizais da industria máis importante que temos no Concello de Pontecesures”, e lembrou que detrás do anuncio “hai 27 familias, 27 traballadores e traballadoras que poden acabar na rúa”. A rexedora subliñou que a fábrica dá emprego a 194 persoas de Pontecesures, Valga, Padrón, Santiago e Pontevedra, e que a aplicación deste ERE, xustificado pola empresa en “causas organizativas e técnicas”, pode ter “un impacto moi importante tanto na parte económica como, sobre todo, na parte social”.

“Independentemente de que poñamos as persoas no centro, que é o máis importante, a situación na que poden quedar estes 27 traballadores —sobre os que aínda non hai ningún criterio definido— é o impacto que pode terse non só no noso Concello, senón tamén nos Concellos limítrofes e en comarcas limítrofes”, advertiu a alcaldesa.

Tanto Pontón como Tocino fixeron un chamamento á mobilización. O BNG rexeitará este despedimento colectivo nas institucións –Parlamento galego, Congreso e Senado– e tamén na rúa, participando na manifestación convocada o vindeiro sábado 16 de maio en Pontecesures, á que Pontón pediu acudir “masivamente”. “A resposta non pode ser o silencio ou a resignación. É o momento da mobilización, da presión e da negociación”, concluíu a portavoz nacionalista.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG