A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Rosana Pérez, denunciou hoxe na Comisión de Pesca no Parlamento a existencia de dous censos diferentes e descoordinados sobre o patrimonio cultural do litoral galego, un feito que, ao seu xuízo, demostra a falta de planificación do Goberno de Rueda na protección da cultura marítima. Pérez explicou que, mentres a Consellería do Mar vén traballando desde 2021 no Plan da Cultura Marítima de Galiza (PCUMA)-Horizonte 2030, cun investimento total de preto de 400.000 euros e unha ampliación en 2025 ás illas galegas, a Consellería de Medio Ambiente presentou en xaneiro o seu propio Catálogo de bens de valor cultural do litoral, aprobado finalmente o 30 de marzo con 2.003 bens.
“Sorprende que Medio Ambiente non contase coa Consellería do Mar, cando esta xa levaba catro anos traballando no PCUMA. Ademais, o seu catálogo partía dun inventario de 2019 con só 459 bens, e a exposición pública revelou que deixaran fóra 107 inmobles. Non foi un traballo tan exhaustivo como din”, criticou a deputada. Pola súa banda, o PCUMA presentou en maio o seu propio censo, con 1.452 bens documentados tras percorrer 24.000 quilómetros de litoral, e cun visor web aberto a achegas cidadás ata finais de ano.
Rosa Pérez preguntou directamente á directora xeral se pode explicar cales son as diferenzas nos obxectivos de ambos os dous documentos: mentres o da Consellería do Mar ten un fin "contemplativo", o de Medio Ambiente -en palabras do propio presidente Rueda- busca "dar unha segunda vida" a bens como fábricas de salgadura, faros ou muíños, permitindo cambios de uso. "Isto é moi relevante -subliñou- porque un mesmo ben podería ter destinos moi distintos segundo cal dos dous catálogos se aplique".
Finalmente, o BNG exixe ao Goberno galego que, independentemente do número de censos, defina "dunha vez por todas" unha estratexia única, con orzamentos claros e medidas efectivas, para salvagardar o conxunto da cultura marítima e o patrimonio litoral "ante as agresións humanas e a falta de planificación". A deputada avanzou que o BNG levará esta cuestión ao pleno se non recibe respostas concretas nun prazo razoable.