Ana Pontón reclama a PSOE e Podemos derrogar “integramente” a reforma laboral do PP

Manifestación contra reforma laboral
Manifestación contra reforma laboral
Critica a PSOE e Podemos  por defender unha proposta que é “un lavado de cara” da reforma laboral do PP e pide recuperar  os dereitos que o Partido popular “roubou aos traballadores e traballadoras galegas”

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclamou a derrogación “integra” da reforma laboral do PP  e acusou ao goberno de PSOE- Podemos de “quedar a medio camiño” cunha proposta que representa  “un lavado de cara” á reforma laboral do Partido popular. Neste sentido, preguntou porqué, PSOE e Podemos, contando cunha maioría no Congreso que permitiría a derrogación “integra” da reforma laboral do PP, continúan cunha proposta que non devolve os dereitos dos traballadores e traballadoras galegos “roubados polo Partido popular”.

Na manifestación convocada polo CIG, para exixir a derrogación das reformas laborais e contra a que propón PSOE-Podemos, a portavoz nacionalista recalcou que urxe a recuperación dos dereitos dos traballadores e traballadoras entre os que salientou, unha indemnización de 45 días por ano traballado e que  non permita  a “barra libre” no despedimento, co fin de  impedir que as empresas con beneficios multimillonarios continúen botando a rúa aos seus traballadores e traballadoras.

Pontón insistiu en reclamar  capacidade  para Galiza que permita mellorar os convenios laborais estatais e  que os EREs sexan declarados pola Autoridade laboral.

O BNG, afirmou, sabe que papel ten que cumprir na política e por iso reclamamos a derrogación integral da Reforma laboral do Partido popular porque prexudicou gravemente o desenvolvemento laboral da mocidade e sobre todo das mulleres que constatan, día a día, como a súa incorporación ao mercado laboral non é un en igualdade de condicións. Polo tanto, resulta indispensable derrogar a reforma laboral para rematar con esta precariedade e demostrar que os gobernos están para “mellorar a vida das persoas”.

O BNG, recalcou Pontón, está onde estivo sempre, “reclamando a derrogación íntegra da reforma laboral do Partido popular e na defensa das e dos traballadores”.

Pontón participou na manifestación convocada pola CIG en Santiago de Compostela, acompañada polo deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a portavoz municipal no concello de Santiago, Goretti Sanmartín,  membros da Executiva nacional do BNG e deputados e deputadas do  grupo parlamentario.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG