BNG pide ambición para recuperar os dereitos roubados a clase traballadora derrogando a reforma laboral do PP

Ana Pontón
Ana Pontón
Ana Pontón: “Non se entende que despedir sexa igual de barato co PP que cun goberno de PSOE-Podemos, cando hai maioría para cambialo"
BNG pide ambición para recuperar os dereitos roubados a clase traballadora derrogando a reforma laboral do PP

BNG reclama ao Goberno de Pedro Sánchez que cumpra a palabra dada á cidadanía e derrogue integramente a reforma laboral de 2012 para recuperar os dereitos laborais “roubados” á clase traballadora polo PP, tendo en conta que existe unha maioría no Congreso que permite liquidar esa “abrasiva” contrarreforma.

“Hai unha proposta sobre a mesa que é claramente decepciónante porque non cumpre coa promesa que se lle fixo á cidadanía”, destacou a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen “non é lóxico que sexa igual de barato despedir cun goberno do PP que cun Goberno de PSOE-Podemos. Por iso, o BNG reclama “que esa proposta se tramite como proxecto de lei para derrogar integramente a reforma do PP e permita recuperar dereitos como a indemnización de 45 días por ano traballado, para que non haxa barra libre e empresas con beneficios millonarios poidan despedir os seus traballadores e traballadoras”, explicou.

Pontón puxo máis exemplos de dereitos laborais perdidos que se deben recuperar, como a autorización administrativa dos EREs. “Lembro falando con traballadores de VESTAS que nós explicaban que era unha pena que non se tivese derrogado a reforma laboral de 2012, porque nese caso non sería posible que a empresa aplicase un ERE porque precisaría da autorización da Xunta, pero coa proposta que está facendo o Goberno central a situación queda exactamente igual”, argumentou.

Para a líder nacionalista, o Executivo de Pedro Sánchez ten que “escoller” se quere ou non derrogar a contrarreforma do PP: “Non hai que baixar o listón á hora de defender os dereitos dos e das traballadoras senón subilo, sobre todo cando hai unha maioría no Congreso para derrogar integramente unha reforma que foi abrasiva para os seus dereitos. Sería unha oportunidade perdida non facelo, simplemente deben pesar máis os dereitos da clase traballadora que o interese da patronal da CEOE”, concluíu.

 

BNG pide ambición para recuperar os dereitos roubados a clase traballadora derrogando a reforma laboral do PP