As cousas claras sobre a NON DERROGACIÓN da reforma laboral

Diante dun debate especialmente relevante como o que ten a ver coa modificación da normativa laboral, en que a propaganda dificulta en ocasións coñecer o que realmente está en xogo, queremos contribuír para o esclarecemento dos feitos e, particularmente, da posición do Bloque Nacionalista Galego. E facémolo respondendo algunhas cuestións que poden ser formuladas.

As cousas claras sobre a NON DERROGACIÓN da reforma laboral

Derrogou o goberno de PSOE e Podemos a reforma laboral do PP de 2012?

Non. O Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a 28 de decembro de 2021 introduce poucas mudanzas e non toca -polo que consolida- os elementos máis lesivos da reforma laboral do Partido Popular do ano 2012.

Que elementos NON muda?

  • As facilidades para o despedimento
  • O abaratamento do despedimento. 
  • A eliminación da autorización administrativa previa para os despedimentos colectivos (EREs)
  • A prevalencia dos convenios estatais sobre os provinciais ou galegos.
  • A prevalencia dos convenios de empresa, que poden empeorar os de sector, excepto nos salarios.
  • A eliminación dos salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.
  • A posibilidade de que as empresas se “descolguen” do convenio e incumpran o nel estabelecido.
  • A facultade das empresas para as modificacións das condicións de traballo e a mobilidade xeográfica colectiva (antes podía ser suspendida durante 6 meses pola autoridade laboral).
  • A distribución irregular da xornada, até 10%. 

Que muda? 

  • Os tipos de contratos.
  • A recuperación da ultraactividade dos convenios.
  • A prevalencia dos convenios de sector só en relación aos salarios

Despedimento fácil e barato

  • As reformas de 2010 (PSOE) e 2012 (PP) facilitaron aos empresarios poder despedir. Iso non se toca na proposta do Goberno de PSOE e Unidas Podemos.
  • A reforma do PP baixara as indemnizacións no caso do despedimento improcedente de 45 días a 33, e o límite de 42 a 24 mensualidades. Isto tamén se mantén na modificación actual.

Que importancia ten a autorización administrativa previa por parte da autoridade laboral nos EREs?

  • Dá capacidade á administración para actuar no caso de despedimentos colectivos non xustificábeis por causas obxectivas ou frente aos intentos de deslocalización por parte das empresas. Na Galiza temos casos recentes de fechamento de empresas que levan a produción a outros países: Poligal (Narón), Siemens Gamesa (As Somozas) ou Vestas (Viveiro), son claros exemplos disto.
  • Fortalece a capacidade de negociación.

Como afecta a prevalencia dos convenios de empresa sobre os de sector?

  • Coa nova norma, non poden empeorar os salarios.
  • Si poden empeorar o resto das condicións laborais,  cuestións como os horarios e a distribución do tempo de traballo ou as medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal, entre outras.

Por que é negativa a prevalencia dos convenios estatais sobre os galegos ou provinciais?

  • Porque enfraquece a capacidade de presión das traballadoras e traballadores ao afastar o ámbito da negociación.
  • Por dificulta a participación dos sindicatos nacionais e de clase, máis combativos, mesmo que sexan maioritarios, como é o caso da CIG na Galiza.
  • Porque impide avanzar para un marco galego de relacións laborais e redunda en maior centralización.

Que defende o BNG?

  • Reverter as facilidades para o despedimento e recuperar a indemnización de 45 días e o límite de 42 mensualidades no caso dos despedimentos improcedentes.
  • Garantir que as modalidades de contratación sirvan para unha verdadeira erradicación da temporalidade e a precariedade, evitando que os novos contratos aprobados, aínda que con outro nome, manteñan os abusos actuais.
  • Recuperar a autorización administrativa previa por parte da autoridade laboral para os despedimentos colectivos (EREs)
  • A recuperación dos salarios de tramitación nos despedimentos improcedentes.
  • A prevalencia dos convenios de sector, que nunca poderán ser empeorados polos de empresa.
  • A prevalencia dos convenios provinciais ou galegos sobre os estatais, que nunca poderán impedir ou empeorar estes.
  • Eliminar a posibilidade dos “descolgues” do convenio por parte das empresas.
  • Restaurar as limitacións empresariais para a mobilidade xeográfica colectiva.
  • Recuperar a necesidade de acordo para a regulación da xornada.
  • En definitiva, a derrogación íntegra da reforma laboral do PP de 2012.

É posíbel derrogar de forma íntegra a reforma antisocial do Partido Popular?

  • Si, é posíbel. De facto, iso era o que tamén reclamaban os partidos que hoxe están no Goberno cando estaban na oposición.
  • Se houbese vontade por parte de PSOE e Unidas Podemos de acordar unha norma para recuperar dereitos e continuar avanzando, existe unha maioría parlamentar que permitiría aprobala sen dificultade. Por tanto, se non se derroga a reforma do PP é porque non queren, non porque non poidan.

Quen sae gañando con esta reforma?


O papel do chamado “diálogo social”

PSOE e Podemos apelan ao acordo coa CEOE e os sindicatos de concertación estatais -CCOO e UXT- para reclamar o apoio á nova normativa laboral, sen ningún tipo de modificación no trámite parlamentar. No entanto, convén saber:

  • O “diálogo social” é o equivalente a escoller os parceiros con quen se quere acordar, nun foro informal e fuxindo dos órganos legalmente constituídos, por non seren tan cómodos. De facto existe o Consello Económico e Social do Estado, en que participan todos os sindicatos coa condición de “máis representativos” -tamén, por tanto, a CIG e ELA, centrais sindicais maioritarias na Galiza e Euskal Herrira e contrarias a este acordo, mais a reforma non foi debatida nese organismo.
  • O chamado “diálogo social” non pode converterse nun órgano lexislativo ad hoc nin substituír o papel das institucións que teñen esa función recoñecida. Por tanto, o empeño de Podemos e PSOE de non modificar nada no Congreso “para non perder os empresarios”, non pasa dun burdo intento de chantaxe política.
  • Non é necesario o acordo da Confederación de empresarios (CEOE) para que saía adiante unha nova normativa laboral que recupere dereitos. Aliás, cabe lembrar que a reforma do Partido Popular foi feita sen acordo cos sindicatos e a pesar de dúas folgas xerais.

PSOE e Podemos incumpren os seus compromisos

Após dous anos de Goberno en que as reiteradas declaracións nunca ían acompañadas da actuación correspondente, o texto aprobado no Consello de Ministros a 28 de decembro de 2021 incumpre as promesas electorais, os compromisos estabelecidos e os acordos asinados para derrogar integramente a reforma laboral do Partido Popular.

  • Partido Socialista e Podemos prefiren someterse ás directrices da Unión Europea -que exixira manter a reforma do PP para liberar os fondos Next Generation- e dos intereses empresariais en vez de cumprir cos traballadores e traballadoras.
  • Queren vender como un “acordo histórico” o que na realidade é unha renuncia -máis unha, que se suma a outras importantes- que defrauda as expectativas xeradas e decepciona moitas persoas que crían na posibilidade de mudanzas importantes. 
  • É falaz argumentar que a posición crítica frente a esta non derrogación “favorece a dereita e a ultradereita”. O que realmente dá ar á ultradereita son os incumprimentos dun Goberno que se reclama de esquerda e que realiza políticas de dereita, decepcionando as clases populares e as maiorías sociais.

Como vai actuar o BNG?

Como sempre, con coherencia e firmeza na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras.  Se houber vontade, aínda estamos a tempo de evitar unha nova oportunidade perdida e avanzar de verdade na recuperación de dereitos sociais. O BNG vai:

  • Solicitar a tramitación do Real Decreto Lei como Proxecto de Lei para poder introducir mudanzas en positivo.
  • Reclamar a PSOE e Podemos que cumpran os seus compromisos e acorden no ámbito parlamentar un novo texto que signifique realmente rescatar os dereitos roubados.
  • Apoiar todas as accións e mobilizacións sociais e sindicais que defendan este obxectivo.
As cousas claras sobre a NON DERROGACIÓN da reforma laboral