Parlamento Europeo

Ana Miranda: “Hoxe en Bruxelas demos un paso máis para frear a instalación de Altri en Galiza”

Delegación Altri NON
Delegación Altri NON

A delegación galega #AltriNon recibiu a confirmación de que non hai ningunha solicitude oficial por parte do Estado para este proxecto

A eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, cualificou de gran relevancia a reunión mantida hoxe entre a delegación galega contra o proxecto de Altri desprazada a Bruxelas e representantes da Comisión Europea para trasladarlles “este desastre medioambiental”. En concreto, o encontro celebrouse entre colectivos medioambientais e representantes institucionais dos concellos afectados e a Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, María Teresa Fábregas, e o Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental, Paul Speight.

Ana Miranda subliñou que este encontro coa CE supón “un paso máis para frear a instalación de Altri en Galiza” xa que María Teresa Fábregas confirmou á delegación desprazada a Bruxelas que até o momento non hai ningunha solicitude oficial por parte do Estado español. Ademais, a Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia indicou que en caso de que se introducira un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses que ten un proxecto destas características, que a máis tardar debería estar executado en agosto de 2026 e que incluso chegou a mencionar que non habería tempo.

“Desde a Comisión Europea agradeceron que trasladásemos directamente o impacto que poida ter este proxecto, impacto socioeconómico, medioambiental, patrimonial, e sobre todo que esteamos alertando dun proxecto destas características como o que proxecta Altri”, sinalou a eurodeputada galega, quen lembrou a existencia de conflitos de intereses así como a ausencia de información ambiental, xa que non se deu participación á veciñanza.

A eurodeputada galega tamén salientou que os colectivos medioambientais que integran a delegación - ADEGA, Ulloa Viva, Santiso Vivo e Queremos Parcelarias XA- así como representantes municipais trasladaron un informe moi exhaustivo sobre os posibles incumprimentos. “Nós estamos alertando moi rigorosamente dos problemas que poden ter este proxecto”, salienta Ana Miranda.

Danos nos recursos hídricos

Precisamente desde as representantes dos colectivos medioambientais destacaron que o proxecto incumpre até dez normativas europeas e vai causar uns danos significativos e incumprimento da Directiva Marco da Auga, dos recursos hídricos tanto no encoro de Porto de Mouros como o río Ulla até a ría de Arousa. Tamén comentaron que Altri pretende financiar o proxecto a través dun PERTE, que iría en contra da protección de espazos recoñecidos como patrimonio natural e cultural e en contra do Plan Director do Camiño de Santiago. Outro dos temas abordados cos representantes da Comisión Europea refírese ao espazo no que se pretende ubicar a macrocelulosa, en concreto no proxecto actual de ampliación da Rede Natura.

En representación dos representantes institucionais dos concellos afectados (Santiso, Arzúa, Monterroso, Agolada, Vila de Cruces e Narón, entre outros), o alcalde de Santiso, Manuel Aldán, manifestou a súa satisfacción por ser quen de trasladar á Comisión Europea a preocupación da veciñanza pola instalación da macrocelulosa. “Para nada ten as bondades que nos están contando, para nada vai crear emprego, máis ben todo o contrario, e van destruír o noso medio de vida, eminentemente agrarios e gandeiros”, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG