O Goberno de PSOE-UP incumpre o compromiso de derrogar a reforma laboral

Folga xeral contra a reforma laboral (2012)
Folga xeral contra a reforma laboral (2012)
O BNG non avalará unha reforma deste tipo, que non recupera nin avanza en dereitos e continuará a traballar pola derrogación íntegra das reformas laborais de 2010 e 2012.
O Goberno de PSOE-UP incumpre o compromiso de derrogar a reforma laboral

Nunha primeira valoración de urxencia, podemos afirmar que o texto de modificación da normativa laboral que sae do acordo entre a patronal (CEOE), os sindicatos estatais (CCOO e UXT) e o Goberno de coalición PSOE/Podemos non derroga a reforma laboral, senón que -como o propio Ministerio de Traballo ten indicado- se limita a “actualizala”, mais mantendo os aspectos máis lesivos e problemáticos da reforma do Partido Popular do ano 2012.

O documento acordado non só non posibilita avanzar en dereitos laborais senón que tampouco recupera os roubados nos anos 2010 (coa reforma do PSOE) e 2012 (coa do Partido Popular). De facto, non se modifica algunha das disposicións máis graves, como as que facilitaban o despedimento e reducían a indemnización de 45 a 33 días ou a 20 nos casos de despedimento por causas obxectivas. Tampouco se recupera a autorización previa por parte da autoridade laboral no casos dos despedimentos colectivos (ERE), un dos elementos que deixa os traballadores e traballadoras máis indefensas frente ás empresas e que facilitan casos como o recente de Vestas en Viveiro.

O acordo alcanzado no marco do chamado 'diálogo social' (do que están excluídos os sindicatos nacionais de clase da Galiza e Euskal Herria (CIG, ELA e LAB), a pesar de teren a condición de 'máis representativos' ), tamén non modifica substancialmente as condicións da negociación colectiva. Recupera a ultraactividade dos convenios (durante un ano) mais mantén a prevalencia dos convenios de ámbito estatal sobre os de ámbito provincial ou autonómico. Isto debilita a capacidade de presión e de negociación dos traballadores e traballadoras e, por tanto, as posibilidades de melloralas a través dos convenios, para alén de ser un elemento máis de centralización.

Tamén se mantén, excepto nos salarios, a prevalencia dos convenios de empresa frente aos de sector, mesmo que estes empeoren as condicións laborais. Afecta cuestións como as pagas extraordinarias, os horarios e a distribución do tempo de traballo ou as medidas para favorecer a conciliación entre a vida laboral, familiar e persoal, entre outras.

Canto á modificación da regulación dos contratos, é dubidoso que realmente vaian servir para reducir o abuso da temporalidade e da subcontratación, mais no caso do 'formativo' é, de novo, unha porta aberta á sobre-explotación da mocidade.

Tomando isto en conta, fica claro que o Goberno PSOE/Podemos non derrogou a reforma laboral, faltando ás promesas e aos compromisos estabelecidos, mesmo por escrito. Nunha nova actuación decepcionante para quen esperaba que se producisen mudanzas en positivo, preferiu pregarse ás posicións da patronal e ás condición impostas pola Unión Europea. Máis decepcionante aínda se temos en conta que existe unha maioría parlamentar que posibilitaría aprobar unha nova normativa laboral realmente avanzada.

En todo caso, o BNG non avalará unha reforma deste tipo, que non recupera nin avanza en dereitos e continuará a traballar -tamén no trámite parlamentar no Congreso-, pola derrogación íntegra das reformas laborais de 2010 e 2012, para pór fin á precariedade e á pobreza laboral e para mellorar a calidade de vida e de benestar dos traballadores e traballadoras galegas.

O Goberno de PSOE-UP incumpre o compromiso de derrogar a reforma laboral