parlamento galego

PP veta a iniciativa do BNG no Parlamento para cubrir as prazas de persoal facultativo no centro de saúde da Fonsagrada

Olalla Rodil e representantes A Fonsagrada e Negueira de Muñiz
Olalla Rodil e representantes A Fonsagrada e Negueira de Muñiz
Olalla Rodil recrimina o veto e advirte que a veciñanza da Fonsagrada e de Negueira de Muñiz non está pedindo máis médicos, senón os que tiña   

O PP vetou hoxe no Parlamento galego a iniciativa do BNG para que a Xunta cubra todas as prazas de persoal facultativo das que dispón o centro de saúde da Fonsagrada, que presta atención sanitaria tanto a este concello como ao de Negueira de Muñiz, cuxa veciñanza leva dende novembro de 2023 mobilizándose para “pedir, non máis médicos, senón aqueles que teñen recoñecidos”.

Así o recalcou na súa intervención a deputada por Lugo Olalla Rodil, quen logo da negativa inicial do PP á súa proposición non de lei na comisión parlamentaria de Sanidade tratou de impulsar un acordo cunha última proposta de transacción que tampouco foi aceptada polo grupo popular na Cámara.

E isto pese a que Rodil puxo de manifesto a situación que padece a veciñanza destes dous municipios da montaña luguesa, dado que actualmente das cinco prazas que existen neste centro de saúde, só están cubertas tres por unha xubilación e a baixa doutro profesional.

“Tres persoas para atender o centro de saúde e o PAC da Fonsagrada e un día á semana, se hai sorte, alguén en Negueira”, recriminou para advertir a continuación que “hai xente que non ten coche e ten que pedirlle a un veciño que o leve ou coller un taxi pagando 40 euros para ir ao médico”.

A tamén viceportavoz parlamentaria do Bloque considerou “inadmisible” unha situación que, segundo subliñou, “vulnera os dereitos da poboación” a recibir unha correcta atención sanitaria que, neste caso, é evidente que “nin é próxima, nin accesible, nin de calidade”.

“Isto non se garante con tres médicos para atender case 4.000 habitantes nun inmenso territorio de 500 km2”, incidiu logo de recalcar que o que reclama a cidadanía coa súa mobilización é algo tan básico como a cobertura das prazas que ten o centro de saúde e o PAC da Fonsagrada e contar cun médico en Negueira polo menos dous días á semana.

“O que había, nin máis nin menos”, recordou na defensa da proposición non de lei que tamén incluía a adopción das medidas estruturais necesarias no centro de saúde para que se puideran prestar nel os servizos de radioloxía e fisioterapia, evitando deste xeito o desprazamento da veciñanza a outros municipios.

Rodil rexeitou as escusas do PP para aprobar a iniciativa escudándose na falta de profesionais e avogando por formar máis MIR. “Para que queden máis vacantes?”, interpelou para lembrar que este ano quedaron 63 vacantes na primeira convocatoria de MIR e o ano pasado outras 39 vacantes.

“Igual o que hai que preguntarse é por que ninguén quere ir á Atención Primaria: non terá algo que ver coas condicións de traballo que se prestan nos centros de saúde?”, reprochou ao PP para concluír a súa intervención.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG