parlamento galego

BNG propón facer un estudo sobre a viabilidade dunha planta para fabricar en Galiza fibras téxtiles a partir de roupa usada

Luís Bará
Luís Bará

Bará defende no Pleno o Plan Ulloa-Ulla-Arousa para destinar os 250 millóns que o PP quere dar a Altri a impulsar os sectores produtivos das comarcas afectadas

O deputado do BNG Luís Bará, propuxo este martes no Pleno do Parlamento que a Xunta faga un estudo para instalar no interior de Galiza un proxecto industrial “punteiro no mundo” de fibras téxtiles a partir da reciclaxe de roupa usada. Trataríase, dixo, dun  “verdadeiro proxecto circular e sostible en defensa do País e dos seus sectores produtivos” que contrapuxo á macrocelulosa que Altri aspira a instalar en Palas de Rei.

O estudo para a creación desta industria forma parte das medidas que o Bloque inclúe no Plan Ulloa-Ulla-Arousa, un plan para destinar os 250 millóns que o PP quere dar a Altri a impulsar a economía nas comarcas afectadas e evitar ademais as consecuencias negativas dun proxecto “aberrante” non só polas súas dimensións -ocuparía só na primeira fase unha superficie similar á de 200 campos de fútbol- senón tamén polo seu impacto no territorio, no tecido socioeconómico, na biodiversidade e nas augas, até a ría de Arousa.

Bará, que aludiu tamén aos efectos negativos do proxecto de Altri sobre o Camiño de Santiago, defendeu no Pleno unha moción na que se pedía o desenvolvemento “autocentrado” das comarcas da Ulloa, Terra de Melide, Arzúa e Deza, co fomento de actividades innovadoras e transformadoras, a creación dun grande polo agroalimentario, un programa de apoio a pemes e cooperativas e un programa de axilización de proxectos industriais que dependen da aprobación de instrumentos de mobilización de terras.

Outro punto da moción reclamaba, como parte do plan Ulloa-Ulla Arousa que propón o Bloque, o desenvolvemento dun proxecto de protección das augas do encoro de Portodemouros (con grave risco de eutorfización e contaminación con cianobacterias), e de mellora da calidade das augas do río Ulla, de garantía do abastecemento para o consumo humano, protección da biodiversidade, fomento das actividades deportivas, turísticas e de lecer, e protección, rexeneración e reactivación produtiva da ría de Arousa.

O plan alternativo do BNG á instalación de Altri pasa tamén por apoiar un novo modelo forestal sostible cun monte multifuncional e que non se limite só á primeira transformación da madeira. E aí onde se encadra a proposta, tamén incluída na moción rexeitada polo PP, de realizar un estudo sobre a viabilidade dunha planta de produción de fibras téxtiles a partir da reciclaxe de roupa.

A iniciativa que defendeu Bará pide tamén á Xunta que deixe de apoiar o proxecto da planta de celulosa entre os concellos de Palas, Santiso e Agolada polo impacto crítico na biodiversidade, o excesivo consumo de auga, os vertidos contaminantes ao río Ulla e ao encoro de Portodemouros, o impacto negativo en actividades económicas sustentábeis e enraizadas no territorio, e pola afección visual e paisaxística.

O deputado nacionalista afondou este martes nas críticas á actuación da Xunta respecto a Altri e, nomeadamente, reprobou á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, por unhas declaracións “ao borde da prevaricación” nas que “daba por feito que Altri obterá o informe favorable” da Administración.

“O de Altri non é un proxecto redondo, é un negocio redondo”, dixo Bará, quen subliñou as “mentiras” do PP respecto dun proxecto que ía producir 200.000 toneladas de fibras téxtiles pero que en realidade está pensado para fabricar 400.000 toneladas de pasta de celulosa; un proxecto do que se dixo que crearía 2.500 empregos pero que, segundo se recolle na documentación publicada, tan só xerará 500 postos directos; un proxecto que se presentou como modélico e sen impacto será “aberrante” desde o punto de vista medioambiental.

Para evitar as “falacias” escoitadas até o de agora,  a iniciativa que levou o Bloque a pleno emprazaba á Xunta a actuar coa máxima transparencia e a informar ao Parlamento de todas as actuacións de selección, apoio e acompañamento ao proxecto tractor de xestión sostíbel dos montes galegos desde os seus inicio até a declaración da planta de Altri como proxecto industrial estratéxico.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG