congreso

Néstor Rego avanza iniciativa para salvar o emprego no sector mar-industria alimentar

A formación nacionalista traslada a PSOE, PP e Podemos unha proposta de transaccional ao artigo 18 da Lei de Cambio Climático que exceptúe as actividades vinculadas ao complexo mar-industria, de carácter sustentábel.

Ante o debate proximamente da Lei de Cambio Climático na Comisión de Transicción Ecolóxica, o BNG avanzou unha proposta, que fará chegar a todos os grupos políticos, de transaccional que permita resolver o problema xerado polo artigo 18 para a continuidade de toda unha serie de actividades no litoral galego, en xeral sustentábeis e respectuosas co medio, que xeran millares de postos de traballo, dinamismo e riqueza na nosa costa e están vinculadas ao sector pesqueiro e marisqueiro.

O BNG presentou trinta emendas para mellorar a Lei de Cambio Climático e adecuala máis á realidade socio-económica e ambiental do noso País. Entre elas unha para suprimir o artigo 18, que realiza unha modificación do previsto na Lei de Costas e ameaza a continuidade e o futuro de centos de actividades vinculadas ao complexo mar-industria alimentaria no noso País.

O deputado Néstor Rego sinala que “sendo preciso regular con criterio social e ambiental a ocupación do dominio público marítimo terrestre, isto debería facerse na propria Lei de Costas e en diálogo co sector e non pola porta de atrás, cun artigo noutra lei”.

En todo o caso, unha vez que a emenda do BNG -ou outras na mesma liña- non prosperou no debate no relatorio da Lei, a formación nacionalista traslada ao resto das forzas políticas unha proposta de transaccional que exceptúe as actividades vinculadas ao complexo mar-industria. No concreto, trátase dunha emenda de engadido ao apartado 4 do artigo, do seguinte teor:

“Quedarán exceptuados do estabelecido neste apartado os títulos de ocupación do dominio público marítimo-terrestre vinculados ao desenvolvemento de actividades de acuicultura, depuración de marisco e conserveiras e calquiera outra relacionada co sector mar-industria que teña carácter sustentábel”.

Rego sinala que esta emenda “permitiría manter o previsto no artigo en relación coa ocupación do litoral por actividades agresivas co medio, mais ao mesmo tempo preservar as actividades sustentábeis da costa galega e salvagardar a totalidade dos empregos que, caso contrario, se poderían perder”.

Aliás, o deputado nacionalista salienta que a emenda transaccional proposta “é similar à anunciada no seu día polo PSOE na Galiza que, infelizmente, non chegaron a presentar para se pregar à posición do MITECO e da dirección do seu partido en Madrid. Esperamos que agora a tomen en consideración para defender os intereses da Galiza e non seren responsábeis da destrución de emprego na nosa costa”.

Néstor Rego acrecenta que a proposta ten tamén a virtude de deixar claro que non se trata de defender a permanencia no dominio público de “actividades que non teñen razón de ser no espazo litoral, como é o caso de ENCE que si ou si ten de saír da Ría de Pontevedra”.

O deputado nacionalista empraza a PSOE, PP e Podemos a se poren de acordo para aprobar unha emenda transaccional que ten por obxectivo fundamental preservar actividades económicas das que viven millares de persoas em todos os concellos da costa galega.

Salienta ademais Rego que con esta Lei fica claro unha vez máis que “Galiza precisa de capacidade plena para poder decidir sobre os seus asuntos, neste caso para ordenar o seu litoral, pois cando lexislan desde Madrid con criterios uniformes e descoñecemento da nosa realidade os galegos e galegas saímos perdendo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG