Montse Prado: “Os 12.000 mariñeiros embarcados na Long Hope levan 7 anos agardando unha solución da Xunta”

Montse Prado
Montse Prado

A deputada do BNG afirma que si fose un colectivo con residencia na Castellana, na Moraleja ou parte do IBEX 35,  “o Goberno español e Feixóo  non actuarían coa mesma  pasividade”

A deputada do BNG, Montse Prado reclamou hoxe un compromiso da Xunta cos mariñeiros de Long Hope e   lembrou que existen acordos unánimes na Cámara galega para exixir a Noruega o pago das xubilacións por traballar en buques da súa flota.

Prado lamentou que despois de 7 anos, o BNG teña que traer de novo  ao Parlamento unha situación que afecta arredor de 12.000 mariñeiros dos que aproximadamente, 8.000 son galegos que traballaron na mariña mercante norueguesa e que esixen o pago das súas xubilación ao país nórdico.

No ano 2010 e por iniciativa do BNG, explicou,  o Parlamento acordou por unanimidade instar ao Goberno galego a manter unha posición firme diante do Goberno español para que lle esixira a Noruega o recoñecemento dos dereitos dos mariñeiros, posición que se volveu a repetir no ano 2017 pero “Noruega sigue sen recoñecer o dereito á xubilación dos mariñeiros embarcados na súa frota ata 1994” e o  Estado español tampouco recoñece ese tempo de embarque para efectos de cómputo da Seguridade Social.

Sen embargo, Noruega cobroulles  os impostos como se foran cidadáns seus. Estiveron pagando, polo tanto,  taxas e impostos como calquera outro cidadán daquel país, e en moitos casos por riba do 40 % do seu salario pero a realidade é  “que non teñen dereito a unha prestación por xubilación, nin á recuperación dos impostos que pagaron e non desfrutaron”.

Levan moito tempo cun intenso labor reivindicativo, con escritos, con denuncias, con manifestacións, con reunións e mesmo con visitas á propia Noruega. Mantiveron reunións co seu defensor do pobo de Noruega, embaixador de España en Noruega, embaixador da UE en Noruega, cos responsábeis dos sindicatos máis representativos do país, reuníronse con representantes do  Ministerio de Exteriores, Ministerio de Traballo en Madrid e co embaixador  de Noruega no Estado español.

Despois de trasladar as súas demandas ao Parlamento galego, Senado e Congreso dos deputados, viaxaron a Luxemburgo para participar  nunha vista oral no Tribunal de Xustiza do caso Wieland C/465/14, caso similar entre mariñeiros austríacos contra armadores holandeses.

Para a deputada, agora é o momento de que o Estado español se comprometa  e emprenda medidas legais contra o Reino de Noruega ao amparo do Convenio Europeo de Dereitos Humanos e do Regulamento do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, precisamente para evitar que os mariñeiros emigrantes afectados queden sós nas súas demandas e  evitar que  o litixio no Tribunal Europeo de Dereitos Humanos careza de sentido por morte das persoas afectadas.

A deputada concluíu a súa intervención denunciando o “desleixo” da Xunta ante o dereito dos traballadores a cobrar a pensión de xubilación e acusou ao goberno español de “non facer nada”. Si en vez de ser mariñeiros “fora  un colectivo con residencia na Castellana, na Moraleja ou parte do IBEX 35, nin o Goberno español nin Feixóo nin o PP,  actuarían coa mesma pasividade”, recriminou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG