A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu na Estrada as propostas do BNG en materia industrial e que pasan por incrementar o peso da industria na economía galega, aumentar o investimento en I+D+i até chegar ao 2,5% do PIB e crear instrumentos financeiros para apoiar ás empresas.
Así o avanzou logo de visitar as instalacións de Martínez Otero, compañía punteira no sector do contract -deseño, fabricación e instalación integral de equipamentos de interiorismo para espazos de uso colectivo- e á que se referiu como un referente dentro e fóra de Galiza.
“Martínez Otero está demostrando como desde un lugar como A Estrada se poden facer proxectos de excelencia e ter un recoñecemento tanto dentro de Galiza como a nivel internacional”, destacou, para felicitar a continuación tanto á dirección como aos seus traballadores e traballadoras por demostrar “a capacidade e a potencialidade que temos cando confiamos nas nosas propias posibilidades”.
Neste sentido, sinalou que Galiza necesita poñer en marcha unha nova política industrial que converta a industria “nun sector de futuro”, con ambición e partindo da potencialidade que ten en moitos ámbitos.
Con este obxectivo, apostou en primeiro lugar por incrementar o peso da industria no PIB até situalo no 23%, fronte ao 17% no que se atopa na actualidade. “O futuro de Galiza pasa por xerar industrias que sexan sustentables, que aposten pola innovación, por poñer en valor todos os procesos produtivos pechando ciclos aquí”, salientou da proposta do BNG que posibilitaría a creación de emprego de calidade.
En segundo lugar, Pontón defendeu a necesidade de elevar o investimento en I+D+i até o 2,5% do PIB para que o País “deixe de estar no furgón de cola e se poña á cabeza” nun ámbito fundamental no desenvolvemento industrial.
“Nós non queremos competir en baixo salario, senón que queremos competir sendo innovadores, apostando polo talento e polo desenvolvemento de novos produtos e esa é unha posibilidade que existe se desde o sector público lle damos o impulso que necesita”, afondou.
Por último, apostou por crear instrumentos financeiros para apoiar ás empresas, como un Instituto Galego de Crédito e un Fondo Soberano de Investimentos Estratéxicos, o que permitiría dimensionar a moito do tecido empresarial galego.
A líder nacionalista destacou tamén a importancia do sector do contract, que neste momento xera 7.000 empregos con máis de 100 empresas que facturan arredor de 1.000 millóns de euros anuais. “Pensamos que é un sector que ten potencial de crecemento, pero para iso necesita un maior apoio por parte da Xunta”, reclamou.
Neste contexto, avogou por que a Administración galega “utilice o contract nos seus equipamentos interiores”, tanto en escolas, como en hospitais ou residencias, unha medida que non só suporía un apoio para o tecido empresarial do sector, senón tamén “darlle unha maior calidade aos espazos públicos”.
Pontón tamén se referiu a toda a cadea de valor que implica o contract e que cun apoio real permitiría apostar pola transformación, por exemplo, da madeira, coa creación de novos produtos, ou tamén noutros sectores como o da pedra. “Aquí hai un potencial moi grande e desde o BNG queremos amosar o noso apoio”, concluíu.