BNG exixe ao Goberno cumprir os compromisos coa Galiza e priorizar o investimento social frente ao gasto militar

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego reclama avanzar na quita da débeda galega e mudar o sistema de financiamento para rematar coa discriminación que sofre a Galiza

Defende unha fiscalidade máis xusta, con impostos á banca, ás eléctricas e ás grandes fortunas: “para problemas estruturais, son precisas medidas permanentes”

Durante a comparecencia do Ministro de Facenda, Arcadi España, o deputado do BNG no Congreso reclamou cumprir os compromisos coa Galiza e reverter o aumento do gasto militar para destinalo a políticas sociais en favor das clases populares. Así mesmo, urxiu o Goberno a continuar coa quita da débeda da Galiza conseguida polo BNG, reconsiderar os criterios sobre financiamento autonómico e revisar o financiamento local. “Reclamamos que o noso país deixe de saír prexudicado”.

Néstor Rego mostrouse prudente ante o recente anuncio do Presidente do Goberno sobre a posta en marcha e elaboración do Proxecto de Orzamentos para 2027. “Esta é a cuarta vez que o anuncia desde 2023 mais nunha chegou a verificarse. Polo contrario, isto permitiulle ao Goberno moita discrecionalidade para aumentar o gasto militar” denunciou o deputado.

Neste sentido, o nacionalista reclama ao Goberno “cumprir os compromisos estabelecidos coa Galiza, asinados co BNG para esta lexislatura, que van desde actuacións que precisan de maior investimento como infraestruturas viarias e ferroviarias até desenvolvemento de políticas sociais”. Por iso, Rego exixe ao Ministro “tomar a serio a elaboración dos orzamentos e a serio cumprir os compromisos coa Galiza”.

Avanzar para unha fiscalidade máis xusta

Ante a situación de inflación pola guerra provocada polo Estado sionista de Israel e os Estados Unidos, “preocúpanos que as medidas non teñan continuidade”, polo que o deputado do BNG demandou “que haxa unha prórroga das medidas e que estas se amplíen”. Frente a problemas estruturais, require Rego, as medidas e solucións deben ser estruturais.

“Hai que camiñar para unha política fiscal máis xusta e redistributiva: recuperar os impostos á banca, ás eléctricas e ás grandes fortunas para conseguir realmente “que pague máis quen máis ten”, defendeu o deputado nacionalista durante a comparecencia. Así mesmo, incide en que “o IVE non é progresivo polo que debe reducirse para os servizos e produtos de primeira necesidade porque isto beneficiaría as clases populares”

Renunciar ao gasto militar en favor de políticas sociais

“Activaron a cláusula de escape para aumentar a gasto militar. Non é verdade que sexa compatíbel o gasto en armamento e protexer as persoas máis vulnerábeis. Pode ser verdade que non retiran recursos en políticas sociais, pero se aumentan os ingresos e todo o incremento é destinado a gasto militar, na práctica están recortando a protección social” alerta Rego, que insiste na necesidade de que o Goberno rectifique esta decisión e vire en favor de desenvolver políticas sociais que protexan as clases populares.

Cumprir coa Galiza e rematar coa discriminación

Sobre o financiamento autonómico e local, Rego discrepa das afirmacións realizadas polo executivo. “O modelo actual é gravemente lesivo para a Galiza porque non valora de forma adecuada parámetros como a dispersión poboacional e o envellecemento que aumentan moito o custo dos servizos públicos. Sorprendentemente o modelo proposto non corrixe esta discriminación senón que a aumenta porque reduce o peso deses parámetros” critica Rego.

Ante estas propostas, o Goberno –salienta Rego- terá oposición frontal do BNG agás que estea en disposición de rectificar. “O BNG defende un modelo baseado no concerto económico porque co modelo actual, a diferenza entre o que a Galiza recada e o que finalmente recibe sitúase arredor de 5 mil millóns de euros cada ano, polo que cun modelo de concerto económico, a Galiza gañaría por volta de 3 mil ou 3500 millóns de euros anuais” afirma.

Por outra parte, o deputado nacionalista denuncia o servilismo e submisión que está a manter o Goberno do Partido Popular á frente da Xunta de Galiza negándose a unha negociación bilateral co Goberno do Estado. “O presidente da Xunta debería preocuparse por defender os intereses da Galiza, historicamente discriminada, en vez de facer sempre o que lle mandan desde Madrid, mesmo que iso prexudique os galegos e galegas. E o mellor exemplo dese comportamento é o absurdo rexeitamento que está a facer coa quita da débeda de 4010 M€ negociada e conseguida polo BNG” critica.

“O Goberno debe continuar coa quita da débeda, mudar os criterios sobre financiamento autonómico e revisar o financiamento local. Reclamamos que o noso país deixe de saír prexudicado” sentenza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG