A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Saleta Chao, lamentou hoxe o rexeitamento por parte do Partido Popular da súa iniciativa para instar a Xunta de Galiza a dar os primeiros pasos para a construción dun centro de saúde na zona do Restollal, en Santiago de Compostela, unha demanda veciñal. A nacionalista cualificou de “irresponsable” e “mentireiro” o portavoz popular municipal, Borja Verea, ao lembrar que no seu programa electoral de 2023 comprometeu “a construción dun novo ambulatorio na rúa Isidro Parga Pondal” que xa estaba “pactado ca Consellería de Sanidade para a súa inmediata posta en marcha”. “O PP mente, e é descaradísimo. Mente en Santiago, e tomoulle o pelo á veciñanza”, afirmou.
Saleta explicou que a iniciativa rexistrada polo BNG, que non saíu adiante polos votos en contra do PP, limitábase a pedir “que se estude, que se realicen os traballos previos, que se reserve crédito para un anteproxecto e que se dialogue co Concello de Santiago”. Unha petición moderada que, lembrou, xa foi aprobada por unanimidade no pleno da corporación municipal o pasado 26 de marzo. Pola contra, a deputada censurou que o PP se escude agora en “compromisos orzamentarios futuros” para non apoiar unha medida que, dixo, “non fixa localización concreta”, a diferenza do anuncio electoral dos populares.
A parlamentaria nacionalista subliñou a necesidade urxente deste equipamento para atender o crecemento da zona sueste da cidade, que xa superou os 100.000 habitantes, e para evitar que a veciñanza dos barrios do Castiñeiriño, Restollal, Eixo e Marrozos teña que desprazarse ata o centro de saúde de Concepción Arenal, no centro urbano. “Santiago ten cinco centros de saúde para 130.000 persoas, e Conxo leva un ano pechado por obras, cun centro provisional en contedores. Falta un centro de proximidade no oeste da cidade”, concluíu.