O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia ante o Secretario de Estado de Asuntos Exteriores os dous pesos e dúas medidas do executivo español ante a ausencia dunha condena aos ataques realizados polo exercito marroquí nos campos de refuxiados. Rego demanda novamente ao Goberno do Estado unha rectificación na súa viraxe profunda sobre a posición a respecto do Sáhara Occidental e recuperar o posicionamento histórico de defensa do dereito de autoderminación do pobo saharauí.
Coincidindo coa visita do enviado da ONU, Staffan de Mistura, aos campamentos de refuxiados as forzas do exercito marroquí realizaron un ataque en que resultaron mortos varios activistas saharauís, entre eles o dirixente da Frente Polisario, Lahbib M. Abdelaziz.
“O Ministerio non condenou este atentando e, agora, o Secretario de Estado tampouco respondeu a ningunha das catro preguntas que o BNG lle realizou” lamenta Rego durante a réplica. Segundo recorda o deputado nacionalista, Sánchez sempre fala do “lado correcto da historia” mais semella que, neste caso, “o Goberno estase a posicionar do lado incorrecto. Do lado de Marrocos”.
“Marrocos está a levar a cabo unha limpeza étnica calculada do pobo saharauí con agresións, violencia e a ocupación dos seus territorios, e os reiterados ataques, como este último, demostran nula predisposición á resolución do conflito e ao restabelecemento da paz, co respaldo do Estado español” alerta Néstor Rego durante a pregunta oral ao Secretario de Estado de Asuntos Exteriores.
Para o deputado do BNG, é urxente e imperativo que o Estado español “recupere a súa posición a respecto do Sáhara”. “Pasaron de reclamar a realización do referendo a apoiar explicitamente o plan de Marrocos. A iso chámalle unha evolución” enfatiza Rego.
“Non respondeu se condenan a violación de dereitos humanos, se condenan a limpeza étnica, Non respondeu a se recuperará a posición histórica mantida e tampouco respondeu a se considera que estes ataques producidos por drones contan coa condena do Goberno español” lamenta Rego. En opinión do deputado, “é lamentábel que o Goberno español abandonase o pobo saharauí”.
“Din agora que apoian unha solución dialogada e acordada mais saben perfectamente que a Frente Polisario non aceptará a proposta de Marrocos porque é tanto como aceptar a ocupación e a colonización do Sáhara Occidental” afirma Néstor Rego, evidenciando que os ataques que o Ministerio se nega a condenar son mostra da nula predisposición de Marrocos a unha resolución pacífica do conflito.