O portavoz de Enerxía do BNG no Parlamento, Xosé Manuel Golpe, defendeu na Comisión 6ª unha iniciativa para reclamar a transferencia a Galiza das competencias plenas sobre os ríos e encoros de Galiza, incluíndo as que teñen que ver coa seguridade, así como os cambios legais necesarios para garantir que as decisión sobre as infraestruturas hidráulicas e a súa seguridade non se tomen “a 600 quilómetros de distancia”.
“Galiza non pode seguir a ser subministrador de enerxía barata para outros mentres perde o control do que é seu”, asegurou o deputado, que advertiu das consecuencias que ten a “deslocalización” do Centro de Operación de Bacía do Sil, pechado xa para trasladar as súas funcións desde A Rúa a Salamanca.
As consecuencias da decisión de Iberdrola, coa conivencia da Xunta, son evidentes, a comezar pola propia seguridade. “Se mañá hai un problema nunha das 21 centrais hidroeléctricas da conca do Sil, a decisión tómase a 600 quilómetros; se hai un aviso vermello de chuvia, a xestión coordínase fóra”, alertou.
O deputado nacionalista subliñou así mesmo á perda de postos de traballo en Galiza e do coñecemento do territorio á hora de tomar decisións. “Anos de coñecemento acumulado , de xente que coñece e entende cada curva do Sil, cada comportamento das augas na conca, cada particularidade dos encoros desapareceu dunha patada”, salientou, advertindo do risco que ten o “control remoto” en situacións como a vivida durante o apagamento do 28 de abril de 2025, cando se perdeu a comunicación con Salamanca e nas presas galegas, dixo, non se sabía que facer.
O portavoz nacionalista de Enerxía lembrou que o BNG apoia a reclamación ao Goberno do Estado das competencias plenas sobre ríos e encoros de Galiza, mais reclamou ambición no que ten que ver coa seguridade. “Non abonda con pedir competencias se ao mesmo tempo se permite que o control técnico das infraestruturas este a 600 quilómetros”, afondou.
É por iso que a iniciativa do BNG debatida na Comisión 6ª reclama a transferencia plena de competencias en materia de ríos e encoros situados en Galiza, así como aquelas sobre a seguridade de presas e encoros, que actualmente están en mans do Ministerio para a Transición Ecolóxica.
A proposta do Bloque, rexeitada polo PP e o PSOE, pasa ademais por reclamar as modificacións lexislativas necesarias para incluír a obrigatoriedade de que os centros de control operativo de presas e embalses estean situados en territorio galego, con persoal técnico permanente.
Establecer un rexistro galego de presas e encoros que inclúa a localización dos centros de control e crear unha mesa técnica de coordinación entre Xunta, empresas, concellos afectados e organizacións sindicais que garanta a recuperación de emprego cualificado nas zonas rurais afectadas, como Valdeorras, é outras das propostas recollidas na iniciativa, na que tamén se avoga polo impulso na Comisión Mixta de Transferencias da negociación dun acordo marco de traspasos en materia hídrica e de seguridade de presas.