Rego exixe a Sánchez tolerancia cero contra a corrupción e cumprir os compromisos coa Galiza e as maiorías sociais

Néstor Rego
Néstor Rego

“Só cumprir coas maiorías sociais e os pobos poderá frear o avance da dereita ultra e a ultradereita. O BNG nunca dará un cheque en branco a ninguén” di Rego a Sánchez

Cando o BNG reclama contundencia frente á corrupción, fala de actuacións e non só de declaracións, afirma Néstor Rego demandado actuacións prácticas e efectivas

“Non chega con afastar as persoas implicadas cando xa se descubriu a corrupción. O que cómpre é estabelecer medidas de control permanente para garantir transparencia e boas prácticas” sinala Néstor Rego

Durante a comparecencia do Presidente do Goberno, o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclama “actuacións e non só declaracións” con actuacións prácticas e efectivas de rexeneración democrática e para, con contundencia, facer frente á corrupción. Así mesmo, Rego urxe a Sánchez cumprir os compromisos adquiridos coa Galiza e coas maiorías sociais porque, só así, se poderá frear o avance da dereita ultra e a ultradereita.

“O que está a acontecer é extremadamente grave” comeza o deputado nacionalista durante a súa intervención na comparecencia do Presidente do Goberno, sinalando que “a corrupción é sistémica e estrutural no réxime de 78" afectando os partidos que sustentaron ese modelo e se alternaron no Goberno do Estado: PP e PSOE.

Con todo, Rego subliña que a existencia dunha operación político-xudicial contra o actual Goberno por ser apoiado por forzas soberanistas, non o exime de dar explicacións ou actuar con contundencia frente á corrupción.

Neste sentido, lembra que hai dous anos o executivo anunciou medidas de rexeneración democrática e solicitou propostas aos grupos parlamentarios. “O BNG fíxoas en diferentes ámbitos: administración pública, actividade económica, medios de comunicación ou xustiza” afirma con contundencia Rego. Infelizmente, dous anos despois ningunha foi aplicada ou aprobada.

Medidas reais contra a corrupción e contra os corruptores

Para o BNG, combater a corrupción implica actuar non só contra quen se corrompe, senón tamén contra quen corrompe. Rego critica a impunidade das grandes empresas beneficiadas por prácticas corruptas e lamenta que "nunca son investigadas nin condenadas as grandes empresas corruptoras, que se benefician dos corruptos para acceder máis facilmente aos contratos das Administracións públicas. Nunca foi nin será investigado o palco do Bernabeu".

Alén do máis, cualifica de escandalosa a situación do empresario Víctor de Aldama e denuncia que "non teña nin que entrar en prisión nin que devolver o diñeiro roubado. Pode quedar co botín de guerra". Ao mesmo tempo, advertiu de que "en canto non se actúe tamén contra os corruptores, a corrupción continuará".

Cumprir coa Galiza e coas maiorías sociais

“Dicía vostede que a cuestión non é se continuar, senón como non continuar. Para o BNG, no entanto, é para que continuar” sinala Rego a Sánchez durante a comparecencia. Nese sentido, empraza o Goberno español a acelerar a execución dos acordos pendentes coa Galiza, entre eles a implantación do tren de proximidade, a modernización da rede ferroviaria interna, a quita da débeda galega e o avance da normalización da lingua galega na Administración do Estado.

Así mesmo, reclama o cumprimento de compromisos sociais como as 20 semanas de permiso parental, o incremento das pensións mínimas e non contributivas, o aumento até 50% do financiamento da dependencia e a derrogación da Lei Mordaza e da reforma laboral do Partido Popular, que aínda non levaron a cabo.

Frear a dereita ultra e a ultra dereita

Rego reafirma a posición do BNG frente ao actual contexto político: “o BNG nunca vai dar un cheque en branco a ninguén mais tamén nunca imos facilitar nin por activa nin por pasiva un Goberno da dereita ultra e da ultradereita". Para a organización nacionalista, o Partido Popular non representa ningunha alternativa de rexeneración democrática porque “non pode dar leccións de combate á corrupción porque na realidade son auténticos expertos en corrupción, especialmente en ocultala”.

O deputado nacionalista advirte que o avance da dereita ultra e da ultradereita está directamente relacionado coa decepción social xerada polos casos de corrupción e os incumprimentos do Goberno. "Só cumprir coas maiorías sociais e os pobos poderá frear o avance da dereita ultra e da ultradereita. Porque é evidente que crecen coa corrupción e coa decepción" evidencia Rego.

Finalmente, conclúe asegurando que o futuro da lexislatura dependerá fundamentalmente da capacidade do Goberno para actuar con contundencia contra a corrupción e cumprir os compromisos adquiridos coa cidadanía e coa Galiza.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG